Presentada a II edición da Guía de aves do ENIL Xunqueira de Alba


A Concellería de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural de Pontevedra ven de presentar a 'Guía de aves do ENIL Xunqueira de Alba', unha completa relación das aves que habitan neste humidal ou o visitan regularmente nas súas migracións, elaborada por Víctor Cabaleiro.Trátase da continuación da primeira guía, elaborada once anos atrás polo mesmo autor.

Entre estas especies, o autor cita á rula común, que nos países europeos estase a reclamar a fin da súa caza e que se atopa ameazada; o cirro, que se acostuma a ver en bandada polo centro de Pontevedra e que acode a beber e comer á Xunqueira de Alba sen perder o voo; as garzas e patos, que aumentaron a súa poboación con respecto a hai once anos; ou a folosa acuática, entre outras moitas..

A 'Guía de aves do ENIL Xunqueira de Alba' vaise distribuír por colexios e na biblioteca pública. Calquera cidadán pode solicitala no Concello de Pontevedra.

Trátase dunha edición da Guía de Aves moito máis completa que a anterior, que ten 143 páxinas (56 máis que a primeira) e que contén fichas de 75 especies (19 fichas máis que na primeira) e 131 fotografías (57 máis que na primeira). Ademais, como novidade, inclúese ao final do libro un índice visual con pequenas fotos de tódalas especies que aparecen, facendo que atopalas resulte máis sinxelo para o lector.