Xosé Regueira avoga por mellorar a conectividade co eixo Porto-Lisboa


O vicepresidente da Deputación da Coruña, o nacionalista Xosé Regueira, participou no encontro con representantes de Organizadores Profesionais de Congresos no marco dun FamTrip organizado por A Coruña Convention Bureau no que tamén interviron o presidente deste organismo José Blanco; o delegado territorial de Iberia, Juan Carlos Molina; o xerente do Consorcio de Turismo, Moisés Jorge Naranjo, e a asesora de directivos e mentora de emprendedores, Isabel Abelleira.

Regueira salientou a súa situación xeográfica en relación a outros lugares de destacado interese da provincia: “A Coruña está a 40 minutos de Ferrol, que neste momento opta a ser Patrimonio da Humanidade, e a 50 minutos de Compostela, que, ademais de xa ser Patrimonio da Humanidade, é unha das cidades máis visitadas”. “Estamos", engadiu, dentro da Reserva da Biosfera das Mariñas Coruñesas e ao lado da comarca de Cabo Ortegal, que opta neste momento ao selo de Xeoparque da UNESCO, polo que atopámonos nunha área de grandes valores naturais, históricos e culturais”.

O vicepresidente tamén destacou como un dos atractivos da Coruña como destino turístico a alta calidade tanto do produto agroalimentario como dos e das profesionais da gastronomía actuais, nomeadamente da Asociación Coruña Cociña, así como as vantaxes derivadas de contar cun clima de temperaturas suaves durante todo o ano.

No encontro, participaron operadores procedentes de todo o Estado, representantes do sector hoteleiro da cidade e tamén representantes sectoriais, como a Cámara de Comercio, a Confederación de Empresarios ou a Autoridade Portuaria.