O vicepresidente da Deputación da Coruña e deputado de Turismo, Xosé Regueira, encabeza a delegación provincial que participará esta semana no Salón B-Travel e onde o ente provincial promocionará varios proxectos de turismo industrial. A feira, dedicada especificamente ao sector do turismo industrial, terá lugar entre o 1 e o 3 de abril no Recinto Feiral de Montjuïc de Barcelona.
O día de apertura da Feira, a Deputación da Coruña estará presente nas Xornadas Profesionais cun relatorio sobre o Museo de Estrella Galicia - MEGA, que correrá a cargo do vicepresidente, Xosé Regueira, e do director do propio Museo, Rodrigo Burgos.
A este respecto, Xosé Regueira asegura que "é unha satisfacción poder expoñer un recurso de turismo industrial de primeiro nivel como é este Museo, que axuda a diversificar a oferta turística da provincia e mesmo de Galiza cun produto que ademais de divulgar os valores empresariais dunha marca serve para realzar a calidade do territorio, a aposta pola economía circular e polos produtores locais".
Baixo a epígrafe "MEGA Mundo Estrella Galicia. O patrimonio industrial de Hijos de Rivera recuperado cun museo experiencial", este relatorio terá lugar ás 16h do venres e permitirá, segundo explica Xosé Regueria "difundir un recurso que fala da traxectoria dunha empresa galega de tradición familiar, que ademais axuda a difundir a marca Galiza no exterior".
A promoción dos recursos turísticos de carácter industrial complétase con material promocional que se ofrecerá no posto da Deputación e que leva por título "12 visitas imprescindibles na provincia da Coruña". Trátase dunha guía que recolle información sobre o propio Museo Estrella Galicia - MEGA, o proxecto de ecoturismo 'A Castrexa' (Cambre), a Casa Grande de Xanceda (Mesía), o Ecomuseo Forno do Forte (Malpica), o Lago Mineiro das Pontes, o espazo museístico La Conservería de 1884 (Camariñas), a Ruta da Construción Naval en Ferrol, Mina Piquito (Moeche), o Muíño das Mareas 'Pozo do Cachón' (Muros), o proxecto 'Os Biosbardos-Cultura de Leira' (Cambre), a Ruta do lúpulo galego, e a empresa de cultivo e comercialización de té e plantas aromáticas 'Orballo' (Oleiros).