A musealización do Castelo de Sobroso entra na recta final


As obras de musealización do Castelo de Sobroso entran na súa recta final. A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, e a alcaldesa da citada localidade, Cristina Fernández, visitaron a instalación para supervisar a adecuación das estancias do Castelo a un espazo que cumpre unha dobre función: poñer en valor os recursos da comarca e ofrecer unha experiencia singular ás persoas visitantes a través das TIC. A obra está a ser realizada pola empresa Intervento tras ser adxudicada por importe de 216,224.05€.

Esta innovadora experiencia esta baseada nunha intervención vivencial, con diferentes producións audiovisuais e tendo en conta, por un lado, a estrutura arquitectónica do Castelo que sufriu múltiples modificacións froito de acontecementos históricos relevantes en Galicia e na comarca e, por outro lado, na importancia dos feitos acontecidos no Castelo e das personaxes vinculadas á fortaleza das que pouco se contou ata agora. Así, as persoas visitantes poderán descubrir a relación da raíña Urraca ou a raíña Isabel de Portugal co Castelo de Sobroso, ou o papel do xornalista Alejo Carrera na súa rehabilitación como espazo residencial na primeira metade do século XX.

Por iso, deseñouse unha intervención pioneira de musealización, onde en cada espazo as persoas visitantes serán sorprendidas por un espectáculo audiovisual diferente, onde as personaxes e sensacións tomarán o protagonismo para revivir diferentes historias ao longo de toda a visita e mantendo dous fitos no relato como é a recuperación da tradición oral entorno ao Castelo e á contorna.

As propias estancias do recinto histórico foron adecuadas para recibir ás persoas visitantes nun espazo no que se referencia a paisaxe e os recursos da comarca como o Balneario de Mondariz, A Franqueira ou o Castro de Troña, e a partir de aí percorrer as salas coas seguintes temáticas: a historia do Castelo e as persoas habitantes; o Castelo protagonista da historia; o Castelo da destrución á recuperación; os seres máxicos e a auga no Castelo; a pegada dos canteiros no Castelo e o Castelo escenario de cantigas e trobadores. A visita finalizará nas terrazas da fortaleza situando as persoas visitantes na comarca e nos recursos da mesma aproveitando unha panorámica única.