Acordo `histórico´para o sector cárnico galego


A cadea de valor do sector cárnico e a indicación xeográfica protexida (IXP) Ternera Gallega subscribiron un protocolo de entendemento que busca garantir o futuro das explotacións dignificando as rendas dos gandeiros, ao tempo que se fai un chamamento ao Estado para que faga o propio a nivel nacional co lácteo. Trátase da primeira rolda de sinaturas, que proseguirá nos próximos días coa finalidade de acadar un acordo subscrito pola maior parte do sector.

O conselleiro do Medio Rural, José González, acompañado do director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, presidiu o acto de sinatura do inicio dun acordo, que a Xuta califica de "histórico"  para frear a venda a perdas no vacún de carne.

Para garantir prezos de venda adaptados aos custos de produción e rendas dignas para os gandeiros, ínstase a incluír nos contratos de compra aos produtores unha cláusula na que se faga referencia a este protocolo, que estará vixente deica o 31 de decembro. 

Nesa dirección, as partes comprométense a ter en conta e aplicar nas súas relacións comerciais as conclusións dos estudos e informes sobre custos elaborados polas autoridades de execución autonómicas previstas na Lei da Cadea Alimentaria, sen prexuízo da súa autonomía e liberdade na fixación de prezos nos contratos, sempre cumprindo a normativa existente. Neste senso, a Xunta de Galicia porá en marcha o Observatorio da cadea alimentaria galega como instrumento público encargado da emisión dos devanditos estudos e informes.

O titular de Medio Rural puxo de relevo a importancia do sector de vacún de carneen Galicia, cunha produción de 95.600 toneladas ao ano e unha facturación de 414 millóns de euros no 2021, que representa preto do 15% da produción total de España. Canto á indicación xeográfica protexida TerneraGallega, certificou 104.638 canais en 2021, o que supuxo un total de 23.695 toneladas de carne, cun valor económico de 137 millóns de euros. Este selo agrupa un total de 8.488 explotacións e 99 industrias cárnicas.