A Coruña amosa en Bélxica a súa rede de hortas urbanas


A Coruña aposta polo medio ambiente e unha das medidas impulsadas polo goberno local nese eido son as hortas nas que os veciños poden traballar para autoabastecerse de productos para as súas mesas.

O compromiso herculino leva a cidade a participar unha vez máis no cume Connecting Nature Impact Summit, que ten por obxecto principal pór en marcha solucións apoiadas na natureza, e que se celebra na cidade belga de Genk, entre este xoves e venres, 28 e 29 de abril.

O evento é híbrido, presencial e a distancia, e conta con diferentes actividades como obradoiros, mesas redondas, visitas a lugares de interese, actuacións e exposicións. Os tres temas fundamentais serán as políticas e estratexias para a implantación das solucións fundamentadas na natureza, o proceso e desenvolvemento dos plans de acción e a administración da natureza e dos medios naturais.

Esta xuntanza pon fin ao proxecto Connecting Nature, financiado pola Unión Europea mediante o fondo Horizon 2020 de innovación, que aglutina ata a trinta socios, nos que se inclúen cidades, universidades e empresas internacionais. Así, durante este cume exporanse os resultados e as innovacións experimentadas durante os cinco anos de duración do estudo.

Cada unha das once cidades participantes, das que só dúas son españolas, A Coruña e Málaga, conta cun caso único de estudo especializado. No caso da Coruña, traballouse sobre a creación de redes de hortas urbanas, proxecto que terá continuidade coa ampliación dos diferentes espazos existentes na actualidade e a apertura dun novo no parque de Adolfo Suárez.