A Deputación de Ourense consolida a colaboración coa Fundación Aquae Querquennae-Vía Nova


A Deputación de Ourense consolidará a súa colaboración co estudo do legado romano na Baixa Limia consignando unha nova axuda á Fundación Aquae Querquennae-Vía Nova, con fin de continuar cos traballos de escavación que anualmente se realizan no campamento militar romano situado na ribeira do encoro das Conchas, en Bande.

O presidente provincial, Manuel Baltar, confirmou esta nova achega ao presidente da fundación, o profesor de historia antiga e arqueólogo, Antonio Rodríguez Colmenero, durante un encontro no que tamén revisaron outras liñas de cooperación abertas entre a Deputación e o catedrático.

Logo dunha "xuntanza proveitosa", Baltar anunciou que na modificación de créditos que se presentará ao pleno de abril, o goberno provincial habilitou unha axuda de 60.000 euros dos que máis do 60 % irán destinados ás escavacións do complexo militar Aquis Querquennis, e o resto para cofinanciar o funcionamento da fundación, de cuxo padroado tamén forma parte a Deputación de Ourense.