A Deputación de Lugo inaugura esta fin de semana a segunda edición do programa de turismo activo e de aventura Actívate nos concellos de Ribas de Sil e A Pontenova con actividades vinculadas ao sendeirismo e á espeleoloxía.
A través desta iniciativa, a institución ofrecerá as fins de semana ata xullo un total de 26 actividades gratuítas para todos os públicos ao aire libre noutros tantos concellos da provincia co dobre obxectivo de seguir apoiando ao sector turístico, a hostalería e o comercio e, ao mesmo tempo, avanzar nun modelo de turismo de calidade e sostible, que pon en valor o rico e diverso patrimonio da provincia e que dinamiza a economía e o emprego, sobre todo no rural.
As inscricións ábrense progresivamente todos os venres, cunha semana de antelación, ata completar o calendario. Polo tanto, o venres, a Deputación abre o prazo para anotarse nas vindeiras propostas: iniciación á escalada, en Baleira, o 7 de maio, e agroturismo e introdución á apicultura, en Láncara, o 8.
Os interesados poden anotarse na web http://inscricions.deputacionlugo.org. E, para máis información, poden enviar un mail a activate@deputacionlugo.org ou chamar ao teléfono 982.26.02.35.
A segunda edición do programa Actívate ofrecerá en 26 concellos da provincia actividades gratuítas, ao aire libre e para todos os públicos vencelladas ao turismo deportivo e de aventura, como sendeirismo, surf, piragüismo, kaiak, vela, trekking, escalada ou equitación. Na primeira edición, esta iniciativa tivo unha gran acollida, esgotando as prazas nun breve espazo de tempo.