Setenta e cinco mil euros máis para promoción turística de Ourense


Luz verde a máis fondos para a promoción turistica de Ourense. O pleno da corporación provincial, que preside o popular Manuel Baltar, aprobou un expediente de modificación de crédito correspondente ao Inorde por un importe superior aos 190.000 euros, dos que máis de 130.000 euros corresponden a suplementos de crédito e o resto a créditos extraordinarios.

A modificación, con cargo ao remanente de tesourería do Inorde, inclúe 50.000 euros para accións de promoción turística; entre as que se atopa a organización do Congreso Internacional de Turismo Termal, amparado pola Organización Mundial do Turismo.

Tamén, e materia de turismo a zonas concretas, o expediente recolle máis de 11.000 euros para o xeodestino Trevinca-Valdeorras e 13.000 para o de Celanova-Terra do Xurés, para actividades de promoción nos concellos que integran estas áreas.

O resto dos fondos van para iniciativas como a asistencia a feiras e salóns especializados, entre outras actividades.