Un 'dream team' de cociñeiros para xulgar o I Campionato de Tapas de Galicia


Un ‘dream team’ de personalidades expertas en gastronomía e comunicación, cunha destacada traxectoria profesional no mundo da restauración, conformarán o xurado presidido pola Estrela Michelin leonesa Yolanda León (dous soles da Guía Repsol en 2018) que terá a responsabilidade de seleccionar as mellores propostas presentadas ao I Campionato de Tapas de Galicia – Pontevedra 2022. Así, integrarán a mesa de ‘sabios’ o actual campión de España de Pinchos e Tapas, o valisoletano Alejandro San José, xefe de cociña de Habanero Taquería na capital castelá; Mitxel Suárez, cociñeiro do restaurante Borda Berri en Hueto Arriba (Álava), actual campión de Euskal Herria de Pintxos e terceiro clasificado na última edición do Campionato Nacional; o chef salmantino Helio Flores, que dirixe os fogóns do restaurante Los Álamos en Peñaranda de Bracamonte e que foi segundo clasificado no Campionato de Tapas e Pinchos de Castela e León e accésit ao Pincho Innovación no Nacional de Valladolid (ámbolos dous en 2021), e a xornalista mexicana afincada en San Sebastián Irma Aguilar, colaboradora da Guía Repsol e do grupo de comunicación El Debate.

Trátase de prestixiosas personalidades que teñen en común anos de experiencia no sector e coñecementos que lles permiten cualificar e seleccionar aos gañadores desta competición autonómica de cociña en miniatura. O certame, organizado pola Concellería de Promoción Económica e Turismo e a Academia da Tapa e o Pintxo de España, desenvolverase no espectacular escenario da Finca Batacos (Salcedo) o luns 2 e o martes 3 de maio, contará coa participación de medio centenar de cociñeiros das catro provincias galegas (ata 17 establecementos da cidade sumáronse á I Ruta de Tapas de Galicia) e poderá seguirse vía streaming a través da canle de Youtube do Concello de Pontevedra. O acto inaugural terá lugar o luns ás 11:00 horas e estará presidido polo alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, e a concelleira de Promoción Económica, Yoya Blanco.

En opinión da concelleira socialista, “os nomes dos expertos que compoñen o xurado deste I Campionato de Tapas de Galicia son unha garantía máis da excelencia e a calidade que presidirán este agardado evento gastronómico”. “Estamos ante un auténtico ‘all star’ do universo da cociña e a crítica culinaria, polo que as tapas que se presentan terán que convencer aos máis exixentes padais. Despois de catar algunhas delas na Ruta de Tapas xa podo anticipar que teñen un nivelón e que llo van poñer moi complicado a esta mesa de ‘sabios’, algúns dos cales xa saben o que é gañar este tipo de certames a nivel autonómico e nacional”, asegura Yoya Blanco.