Un millón de € para once concellos pontevedreses de vocación turística




A aprobación de tres proxectos europeos para a provincia pontevedresa, coa mobilización dun total de 2.265.902 euros para mellorar o comercio, a xestión forestal e o emprego dun total de 22 concellos da provincia, leva á Deputación de Pontevedra a modificar o seu Orzamento para este ano co obxectivo de reservar as partidas necesarias para o cofinanciamento das actuacións previstas. O importe total da modificación, aprobada polo pleno provincial este venres, foi de 799.083,25 euros.

O programa europeo Commerce Inside, cun orzamento global de 1.097.350 euros (cun 70% de achega europea) ten como obxectivo impulsar a transformación dixital do comercio e a mellora do seu impacto no medio ambiente. Trátase dun proxecto cunha clara vocación turística a través do comercio local que tamén busca contribuír á cohesión social e territorial por medio do uso racional dos recursos naturais e a xeración de postos de traballo de calidade. O programa impulsará tamén o nacemento de novos negocios comerciais en once concellos: Baiona, A Guarda, Bueu, Tui, Vilanova de Arousa, Soutomaior, Caldas de Reis, Nigrán, Sanxenxo, Cambados e O Grove.

O programa Da Túa Man, cun orzamento de 1.066.085 euros (70% de achega europea) chega cun nome que alude á participación dos propios comerciantes na modernización dos seus negocios en dirección ás novas tendencias do mercado, pero tamén ao papel activo da cidadanía de cada concello como axente colaborador para o fortalecemento do comercio de proximidade, onde todo o mundo é protagonista. Desenvolverase en Silleda, O Rosal, Tomiño, Moaña, A Cañiza, Poio, Ponte Caldelas, Meaño, Ribadumia, Gondomar e Salceda de Caselas.

Finalmente, o proxecto DepoForest, dedicado á xestión integral e aproveitamento dos piñeirais, parte cun orzamento de 102.466 euros (dos que a Unión Europea achega o 90% a través da Fundación Biodiversidad F.S.P.). Está orientado á creación de emprego a través de proxectos de formación, asesoramento e innovación social dirixidos a persoas desempregadas no marco do programa "Empleaverde", do Fondo Social Europeo. Preténdese así facer fronte ao reto demográfico creando emprego no medio rural e contribuíndo a unha estratexia forestal diversa e sostible.