30.000 barcos de papel biodegradable para apoiar Ferrol Patrimonio Mundial




A Concello de Ferrol continua co desenvolvemento de actividades orientadas á promoción da candidatura de ‘Cidade de Ferrol: Porto da Ilustración” a Patrimonio Mundial co fin de gañar apoios e dar a coñecer os bens que a integran. Tras a recente celebración do Congreso específico sobre a materia, o Concello presentou esta mañá o proxecto ‘¿Contamos contigo?’, unha nova acción dirixida ao conxunto da poboación que forma parte do plan de promoción da candidatura respaldado a través dunha subvención da Deputación.

A concelleira de Patrimonio Histórico, Eva Martínez Montero, explicou esta mañá que a nova iniciativa consiste en facer barcos de papel con papel biodegradable que serán botados ao mar como xesto de apoio á candidatura. A vontade é superar as 30.000 unidades.

A edil indicou que o material para elaboralo, xunto ás indicacións oportunas, entregaranse a partir dos próximos días en diferentes espazos da cidade: nos 21 centros escolares —públicos e concertados— de educación obrigatoria de Ferrol, en asociacións e na propia rúa, coas personaxes de Carlos III, o Marqués da Enseñada e Jorge Juan. Este mesmo sábado será o primeiro día para participar na iniciativa, no Cantón de Molíns. en horario de mañá. “Unha vez elaborados os barcos de papel propoñemos sacarlles unha fotografía e subir a imaxe ás redes sociais cos hashtag #ferrolcontaconmigo e #ferrolpatrimoniomundial”, lembrou. As persoas participantes poderán asinar o seu apoio á candidatura na web www.ferrolpatriomiomundial.com no momento de retirar o material.

A concelleira apuntou que os barcos elaborados pola poboación serán depositados en urnas xigantes de madeira e rede para formar parte dunha exposición. Finalmente os barcos serán botados ao mar no mes de outubro desde un dos elementos máis simbólicos da candidatura. Deste xeito, explicou, “imos mostrar ao mundo o apoio unánime da cidadanía á candidatura de Ferrol a Patrimonio Mundial”.

A proposta ferrolá “precisa do respaldo social e da complicidade cidadá en todos os sentidos, polo que estamos a traballar para conseguir o apoio real e efectivo da sociedade para reforzar, enriquecer e xerar valor á candidatura”, apuntou Martínez Montero.