A Deputación da Coruña presenta unha campaña para promocionarse como destino turístico "competitivo, saudable e seguro"



O presidente da Deputación, Valentín González Formoso e o vicepresidente e responsable da área de Turismo, Xosé Regueira, presentaron a nova campaña de promoción turística coa que queren posicionar o destino e atraer turistas nun mercado que aposta por recursos naturais, seguros e saudábeis. "956 km de costa e un camiño infinito dan para moito" é o lema da nova campaña que se intensificará por volta dos principais períodos vacacionais e quere competir fundamentalmente polo turismo de proximidade.

Valentín González Formoso, defendeu a necesidade de desenvolver novas liñas de promoción turística co fin de revitalizar un "dos piares claves da nosa provincia a nivel económico co que queremos contribuír cun esforzo que é importante para os milleiros de persoas que viven do turismo".

O presidente explicou que, mesmo sen ter competencias no sector, a Deputación defende o interese de traballar de maneira colaborativa neste ámbito e, de maneira especial, nunha situación como a que vivimos, polo que a institución xa organizou "un foro en pleno confinamento con persoas técnicas de consorcios mancomunidades que coñecen de primeira man a evolución do sector e o freazo que se experimentou coa covid e, derivado diso é precisamente a campaña que hoxe presentamos".

Neste sentido, o vicepresidente e deputado de Turismo, Xosé Regueira apuntou que no sector turístico "reside máis do 50% da economía da provincia e supón tamén máis do 50% dos postos de traballo polo que a preocupación ten que ser máxima e, tendo en conta as circunstancias e a diagnose realizada queremos definir unha estratexia que nos faga máis competitivos e colaborativos". Explicou así que a campaña se insire nun proxecto global no que tamén se inclúe a colaboración cos seis xeodestinos da provincia para a mellora da competitividade e calidade e tamén cos concellos na contratación de persoal especializado para a atención ao turismo e deseño de novos produtos.

"Aspiramos a ser competitivos e imos intentar selo máis que o resto dos territorios porque confiamos nas posibilidades do noso territorio para superar a situación que estamos a vivir", sinalou Regueira para quen, cos datos na man, a temporada de verán salvouse no ámbito rural mentres o problema fundamental residiu nas cidades coas que buscarán "establecer unha estratexia colaborativa para afrontar os próximos meses".

Coa campaña que hoxe se presentou, Xosé Regueira explica que se intenta transmitir "calidade, frescura, seguridade no destino, buscando a amplitude territorial da cantidade de costa e intentando un equilibrio interior/costa e rural/urbano, ámbitos os dous necesarios para a recuperación".

O lema, segundo sinalou, "é moi atractivo porque só falar de quilómetros de costa dá sensación da cantidade de recursos de mar que temos nunha costa viva que non é só areal e praia senón tamén outros subprodutos como a Ruta das Baterías, o Surf, o proxecto de Xeoparque de Ortegal, o Fin do Camiño, entre outros ademais de prácticas ancestrais que nos van permitir posicionarnos no mercado". Ademais, o lema inclúe o concepto de "camiño infinito" que, segundo engadiu non só se refire aos camiños de Santiago senón a tantos outros que atravesan o territorio.

A campaña tentará atraer turistas que buscan un destino seguro e saudábel, de maneira especial, de proximidade, dada a situación provocada pola pandemia. Xosé Regueira considera así que a provincia da Coruña, "pode posicionarse con forza e de maneira competitiva nese ámbito, ofrecendo a riqueza de recursos e a aposta polo turismo de calidade".

Defendeu tamén a colaboración das administracións cunha "estratexia ben deseñada e apoiada" para salvar o sector e non centrar todos os recursos nun único destino "hai moita incerteza e as institucións teñen que estar á altura da situación".