Ante a espectacular acollida que esta semana tiveron as rutas dos Bosques Terapéuticos, que completaron a inscrición de todos os percorridos para o mes de xuño en dous días e suman centos de persoas nas listas de agarda, a Deputación de Pontevedra vén de dobrar o número de prazas (de 15 a 30) para asistir a estes baños de bosque. Deste xeito, en lugar das 570 previstas inicialmente para os 38 itinerarios entre o 4 de xuño e o 25 de setembro, haberá un total de 1.140. No caso das 8 rutas previstas para o mes de xuño, este incremento do aforo cubrirase xa coas persoas que están nas listas de agarda e a partir do 20 de xuño, en que se abrirá o prazo para os itinerarios de xullo, xa se ofertarán as novas 30 prazas por ruta.
Esta é a terceira edición deste programa provincial que conxuga a experiencia persoal co medio natural da contorna coa interpretación do patrimonio, en rutas que buscan dar a coñecer os espazos naturais da provincia e, de xeito especial a posta en valor dos beneficios dos “baños de bosque”. Este ano son sete os espazos naturais que se percorrerán, dous que son novidade as illas de Tambo (Poio) e Arousa, así como a Ponte Colgante do Lérez (Cerdedo-Cotobade e Campo Lameiro), que se suman ao Río Eifonso no espazo de Bembrive (Vigo), a Senda de Almofrei (Cerdedo-Cotobade), os Salóns do Lérez (Pontevedra) e a Ruta da Pedra e da Auga (Meis). En todas elas fomentarase o uso dos sentidos favorecendo, por exemplo, a percepción de diversas texturas ou cheiros na natureza, sempre coa premisa da conservación
Durante os meses de xuño, xullo e setembro as rutas desenvolveranse os sábados e domingos, mentres que no mes de agosto tamén terán lugar os venres. Están previstos 8 percorridos no vindeiro mes, 10 en xullo, 12 en agosto e 8 en setembro e, ao igual que o pasado ano, as inscricións para as rutas ábrense de mes en mes. No caso das de xullo, o prazo comezará o 20 de xuño, mentres que para as de agosto abrirá o 26 de xullo e para as de setembro, o 22 de agosto. En todos os casos, o prazo rematará dous días antes da ruta. As visitas están destinadas a público xeral (os e as menores deberán ir acompañados) e terán unha duración de entre hora e media e 2 horas. Comezarán ás 10 polas especiais características de procura de tranquilidade e conexión coa natureza.
Os Bosques Terapéuticos arrancarán o 4 de xuño coa Ruta da Pedra e da Auga (Meis) e continuarán ao día seguinte polos Salóns do Lérez (Pontevedra). Posteriormente, o día 11 celebrarase a ruta polo Espazo natural de Bembrive (Vigo) e o día 12 o da Senda do Almofrei (Cerdedo-Cotobade). A primeira ruta pola Illa de Tambo (Poio) terá lugar o día 18, mentres que na Illa de Arousa celebraranse dous itinerarios, os días 19 e 25. Por último, a contorna da Ponte Colgante do Lérez (Cerdedo-Cotobade e Campo Lameiro) será escenario da ruta do día 26.