Arranca este sábado co Natalicio o prólogo do Arde Lucus


Comeza a conta atrás. Apenas dúas semanas nos separan da chegada do Arde Lucus que, neste 2022, terá a súa edición máis especial e agardada logo de dous anos de restricións sanitarias.

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, convidou hoxe á cidadanía a participar nas festas pero tamén no primeiro dos eventos, convocado para mañá, co que se oficializa a proximidade das celebracións: o Natalicio.

Un acto, organizado por dez asociacións do Arde Lucus que será o prólogo da recreación histórica da cidade e coa que o Concello quere rememorar a orde que o emperador Octavio Augusto deu para construír as cidades de Lucus Augusti, Bracara Augusta (Braga) e Asturica Augusta (Astorga), irmandadas dende 1986.

“Este sábado iniciamos o desconto para o XXI Arde Lucus que regresa, desta volta, con todo o seu esplendor para conquistar a lucenses e visitantes pero tamén coa vontade de alcanzar unha proxección sin igual que nos permita acadar a súa internacionalización”, sinalou a rexedora.

“Unha cita coa que comeza a avivarse o lume dos festexos e que, entre o 9 e o 12 de xuño, nos permitirá rememorar o noso pasado. A cidade retrocederá 2.000 anos e encherase do bulicio do ir e vir de romanos e castrexos para que non esquezamos nunca as nosas orixes. E xa esta fin de semana é tempo de caldear os motores co Natalicio e de comezar a mergullarnos na nosa historia, esa que nos define como fogar bimilenario e que, en 14 días, abriremos ao mundo con xenerosidade a través dos campamentos e poboados, para revivir o legado que nos deixaron os nosos devanceiros, para compartir todo o noso patrimonio material pero tamén o inmaterial: as tradicións que conforman a nosa identidade como pobo”, afirmou Lara Méndez ao tempo que agradeceu ás 19 asociacións “a súa implicación por traballar os 365 días do ano para que o Arde Lucus garde a maior precisión histórica posible”.

O Natalicio dies natalis MMXXII terá lugar este sábado con diferentes localizacións como escenario, xa que a Cohors partirá ás cinco en desfile dende a Fonte do Rei cara o Centro Histórico, mentres que a Garda Pretoriana sairá ás cinco e media da Milagrosa para xuntarse ás sete menos cuarto na Praza de Santa María.

Alí, serán recibidos polo concelleiro de Xuventude, Mauricio Repetto, e o Orfeón Xoan Montes e a Coral Ecos do Miño interpretarán o Himno Calendis, propio desta cerimonia. Ademais, proxectarase unha curtametraxe, de 10 minutos de duración, na que os membros da asociación Salesiani protagonizan a Lenda de Briana -unha recreación da vida dos castrexos no bosque sacro de Lugh- e se lembrará, por primeira vez, a fundación da cidade cunha ofrenda aos deuses.

A continuación o desfile se dirixirá á Mosqueira onde a asociación Lucus Augusti protagonizará o Luvilator e se instalará un cronograma que proxectará a conta atrás ata o inicio do Arde Lucus 2022 para, posteriormente, concluír o acto fronte ao cuartel de San Fernando, onde Paulo Fabio Máximo reivindicará a creación do Museo da Romanización MVRO.