Un ano máis a Deputación de Pontevedra celebra o Día de Europa, no que se conmemora a “Declaración de Schuman” asinada en 1950, lanzando o exitoso programa “Degusta Europa”, unha actividade que se desenvolverá entre este xoves 12 e o día 31 nos mercados locais de O Grove, Mondariz, Pontevedra, Gondomar, Vigo e A Guarda.
A través desta iniciativa “optimista, que fala de ser felices, de algo que nos identifica a todos os países como é a gastronomía” -remarcou a presidenta Carmela Silva- espallaranse tapas típicas de diferentes países de Europa tomando como base os produtos locais, representando, así, a unión dos pobos. Farase a través do fomento do comercio local e da cooperación cos concellos e cos CIFP Carlos Oroza (Pontevedra) e Manuel Antonio (Vigo), encargados da preparación da degustación.
A presidenta, acompañada dos alcaldes do Grove e da Guarda, José Cacabelos e Antonio Lomba, da concelleira e concelleiro de Pontevedra, Yoya Blanco e Iván Puentes, e dos directores dos CIFP Carlos Oroza e Manuel Antonio, fixo fincapé na necesidade de “celebrar o día de Europa por todo o alto, con alegría, poñendo en valor o que significa e a importancia de defendela con paixón, non permitindo que calen os discursos de odio, antieuropeístas que nada teñen que ver coa realidade do logrado”.
“Hoxe celebramos Europa, o proxecto máis potente que se ten creado, que conseguiu establecer o Estado de Benestar e crear unha historia de dereitos como ninguén imaxinara antes” asegurou Carmela Silva. Por estes motivos apelou a celebrar “unha Europa Feliz, a través da gastronomía que tanto nos une, do encontro entre culturas e produtos, dos nosos pobos, das tradicións… e facelo dende o “optimismo”.
Tamén se centraron na posta en valor do que significa Europa os alcaldes do Grove e da Guarda e a concelleira de Promoción Económica de Pontevedra, Yoya Blanco. José Cacabelos fixo un chamamento “á necesidade de dialogar e recuperar esa unión que permitiu desenvolver Europa” e alertou de que “estes primeiros trinta anos de século XXI estanse a parecer bastante aos primeiros do século XX”.
Pola súa banda Antonio Lomba reivindicou a necesidade de “poñer no centro a Europa e berrar alto e claro que somos europeas/os, que queremos seguir sendo e que cremos en Europa”. Amais, tanto Cacabelos, como Lomba e Yoya Blanco, remarcaron a importancia da gastronomía como “a mellor forma de dialogar, compartir e abrir fronteiras”, enxalzaron o programa por ser “símbolo de unión entre centros de educación, concellos, Deputación e mercados” e convidaron á cidadanía a participar e asistir ao “Degusta Europa”.
O programa que a institución provincial lanza con motivo do Día de Europa arrancará este xoves, 12 de maio no Mercado do Grove (11.00 horas) e continuará polos mercados de Mondariz (xoves 19 de maio, 11.00 h), Pontevedra (venres 20, 11.00 h), Gondomar (martes 24, 11.00 h) e Progreso de Vigo (xoves 26, 11.00 h) para rematar o 31 de maio no Mercado da Guarda (11.00 h).
Nos tres primeiros casos (O Grove, Mondariz e Pontevedra) as tapas serán elaboradas polo alumnado do CIFP Carlos Oroza e nos tres últimos (Gondomar, Vigo e A Guarda) polo CIFP Manuel Antonio, “dúas referencias de compromiso, talento, innovación, formación e ganas de construír unha provincia de excelencia”, dixo a presidenta provincial.
Os directores de ámbolos dous centros educativos aproveitaron o acto de presentación de “Degusta Europa” para remarcar o papel da institución provincial e a súa estreita colaboración cos CIFP. “En Galicia non hai outro ente provincial que poña tanto en valor os centros de formación de hostalería como a Deputación de Pontevedra”, subliñou Manuel Hermo, director do CIFP Carlos Oroza, quen, ao igual que Rubén Otero, director do CIFP Manuel Antonio, destacaron a importancia de seguir construíndo Europa e convidaron á cidadanía a desfrutar das elaboracións que vai realizar o alumnado.
O CIFP Carlos Oroza de Pontevedra preparará no Mercado do Grove ragout de feixóns, mexillóns, codium e froitos do mar (guiso francés), carpaccio de robaliza e brotes frescos (prato de Italia), Lemon Pie (sobremesa suíza) e, como bebida, un cóctel Bellini (Italia). No Mercado de Mondariz poderase degustar pan de pita con roupa vella de matanza e queixo galego (Grecia), Smoreebrob de troita (Dinamarca), Panaacotta de requeixo con mirabeles e moras (Italia) e, como bebida, un cóctel Negroni (Francia). E no Mercado de Pontevedra sopa de goulash de tenreira con pan de manteiga (República Checa), maatjesharing (Países Baixos), moules frites (Bélxica) e un cóctel Black Velvet (Irlanda).
Pola súa banda o CIFP Manuel Antonio espallará polos Mercados da Guarda, Gondomar e do Progreso en Vigo a mesma proposta que consistirá nunha cunca da horta de cabaza asada, escuma de patacas e aire de ceboliño; tosta de cabala afumada; risotto cremoso de grelos con brocheta de galiña; desfiado de porco a baixa temperatura en pan de pita; tirabuzóns de calamar crocantes sobre produtos da terra; vasiños de iogur e crema de marmelo, enreixado de cabelo de anxo, melindres e torta das Rías Baixas.