Baltar aposta por promocionar o turismo termal en Estados Unidos


O novo Comité Executivo da Asociación Europea de Cidades Históricas Termais reuniuse por primeira vez despois da asemblea xeral celebrada o pasado 5 de maio na localidade catalana de Caldes de Montbui, e na que o presidente da Deputación, Manuel Baltar, foi reelixido por unanimidade como máximo representante da entidade termal para un novo mandato que, por primeira vez na historia da asociación, terá unha vixencia de catro anos (2022-2026).

Despois da reunión, Manuel Baltar destacou os avances que se están a conseguir para consolidar "o termalismo como un eixo estratéxico de desenvolvemento", aproveitando as sinerxías que xera a colaboración público-privada e maila condición da asociación como Itinerario Cultural do Consello de Europa. Non obstante destacou a súa aposta por unha "alianza supracontinental" para promover o termalismo europeo no mercado dos Estados Unidos, iniciativa para a contarán co apoio da European Travel Commission.

O presidente lembrou así a reunión internacional prevista na cidade norteamericana de Saratoga Springs, localidade pertencente ao estado de Nova York e cunha gran tradición na cultura da saúde e o benestar. Un encontro, aprazado no seu momento pola pandemia, "que nos permitirá presentar ao público americano a nosa experiencia, as bondades do termalismo segundo a tradición europea e produtos turísticos que revelarán as posibilidades terapéuticas e de benestar das nosas augas e dos nosos balnearios".

Neste contexto, para Manuel Baltar a palabra máxica é "saúde". O termalismo, salientou, revélase como un recurso para o benestar, ademais de turístico, "polo que en tempos de pospandemia ten que recobrar a súa presenza e relevancia, un obxectivo no que traballamos todas as administracións que conformamos a asociación. "Estamos absolutamente convencidos das posibilidades do termalismo", dixo, salientando nesta liña o papel fundamental que xoga a EHTTA como a asociación "máis importante desde o punto de vista da administración pública que existe no mundo en torno á auga termal e ás súas propiedades mineromedicinais".

Entre outros puntos do día da reunión desta mañá, avanzouse nos detalles de preparación do Congreso Internacional de Turismo Termal, que se celebrará en Ourense o 28 e 29 de setembro deste ano, ademais de abordar a entrada na asociación da cidade ucraína de Truskavets.