A alameda de Góis en Sigüeiro (Oroso) acollerá este sábado 4 de xuño a quinta edición de Primavera no Camiño Inglés, unha iniciativa promovida pola Asociación de Concellos do Camiño Inglés, en colaboración coa Deputación da Coruña e o Concello de Oroso, para poñer en valor os múltiples atractivos etnográficos, culturais, naturais e gastronómicos desta ruta xacobea que conecta A Coruña e Ferrol con Santiago de Compostela.
Unha iniciativa que foi presentada na sede da institución provincial polo seu presidente, Valentín González Formoso, e o presidente da Asociación de Concellos do Camiño Inglés, Manuel Mirás Franqueira, que estiveron acompañados polo vicepresidente provincial, Xosé Regueira Varela, e o deputado provincial e concelleiro de Turismo de Oroso, Antonio Leira Piñeiro.
Valentín González Formoso destacou que o evento volverá a reunir aos 18 concellos do Camiño Inglés tras a pandemia para potenciar a imaxe dunha ruta xacobea que cobrou un importante protagonismo nos últimos anos grazas ao traballo conxunto de Deputación, a Asociación de Concello do Camiño Inglés e os propios municipios polos que discorre o camiño, aos que agradeceu a súa "absoluta implicación".
Todas as actividades de Primavera no Camiño Inglés son de participación gratuíta, se ben o número de prazas é limitado. Entre as 11:00 e as 22:00 horas, a Alameda de Góis de Sigüeiro (Oroso) acollerá os postos nos 18 municipios polos que discorre esta ruta xacobea: A Coruña, Abegondo, Betanzos, Cabanas, Cambre, Carral, Culleredo, Fene, Ferrol, Mesía, Miño, Narón, Neda, Ordes, Oroso, Paderne, Pontedeume e Santiago de Compostela.
Uns municipios que darán a coñecer a súa variada oferta turística, cultural e gastronómica a través de diferentes actividades: showcookings, actuacións de música tradicional, espectáculos de maxia, presentacións de proxectos, obradoiros infantís e para adultos, degustacións de produtos típicos...