O Arde Lucus blinda a seguridade cidadán ante as aglomeracións




A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, e a subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, copresidiron  no Salón de Plenos do Concello, a Xunta Local de Seguridade do Arde Lucus, na que se abordou a organización dos dispositivos de vixilancia que se desenvolverán na cidade durante as próximas festas de recreación histórica.

A rexedora destacou a necesaria colaboración entre os distintos Corpos: Policía Local, Policía Nacional, Policía Autonómica, Garda Civil de Tráfico, Bombeiros e Protección Civil, “na procura de desenvolver un operativo coordinado e eficaz que permita realizar un control efectivo sobre os espectáculos e actividades programadas”.

“Así -referiu Méndez- reforzaranse os efectivos para vixiar, especialmente, as aglomeracións que poidan xurdir durante os dous grandes concertos previstos -Saor Patrol e Tanxugueiras- pero tamén para garantir o correcto desenvolvemento dos desfiles, dun xeito específico o escolar, en convivencia co tráfico rodado que se manterá nas vías circundantes ao traxecto polo que discorre e co obxectivo de causar as menores afeccións posibles, antepoñendo, en todo momento, a tranquilidade e a protección de lucenses e visitantes".

A alcaldesa apelou, unha vez máis, á responsabilidade individual e colectiva da cidadanía, convidando á poboación a gozar do primeiro Arde Lucus sen restricións logo de dous anos de pandemia, “polo que instamos á poboación a participar e aproveitalo ao máximo pero sempre con sentidiño e sen esquecer que a saúde segue a ser o primeiro. Non baixemos a garda”, pediu.