'Os fogóns do Anllóns', unha aposta pola gastronomía local e sostible


A gastronomía local será un dos eixos centrais que Turismo da Deputación e os municipios implicados no Proxecto Anllóns queren para o éxito do programa, que pasa a chamarse 'Os fogóns do Anllóns' e que deu un novo paso coa reunión que mantiveron na casa do Concello de Cabana os actores implicados. Na xuntanza participaron o vicepresidente provincial, Xosé Regueira, delegados dos cinco concellos polos que pasa o río —o alcalde de Cabana, José Muíño Domínguez; o alcalde da Laracha, José Manuel López Varela; a primeira tenente de alcalde de Ponteceso, Noelia Varela; e o propio Regueira, concelleiro de Promoción Económica e Turismo de Carballo; o Concello de Coristanco non estivo hoxe representado—, e persoal técnico de turismo da Deputación e da empresa EOSA Estrategia y Organización S.A, a encargada de elaborar e presentar a candidatura ás diferentes liñas de subvencións. Ao remate desta xuntanza celebrouse outra na que se lle presentou o proxecto ao empresariado local.

Logo de que nas dúas primeiras reunións se deixasen decididas as actuacións da diagnose medioambiental da contorna, EOSA presentou esta mañá as liñas de traballo que 'Os fogóns do Anllóns' debe asumir para ofrecer un produto turístico de calidade, baseado na gastronomía local e sostible, e para cumprir cos catro eixos transversais que os fondos Next Generation esixen para acceder ás súas axudas. En canto ao primeiro eixo, a transición verde e sostible, a 'Os fogóns do Anllóns' parécelle de interese xerar unha rede de miradoiros e doutros espazos novos para usar, por exemplo, como praias fluviais; e tamén limpar e eliminar as especies invasoras nas beiras dos ríos.

No relativo ao segundo eixo, a mellora da eficiencia enerxética, 'Os Fogóns do Anllóns' quere organizar servizos de paseo en embarcacións limpas, rutas de cicloturismo e alugueiro de bicicletas, mesmo en restaurantes, e, sobre todo, apostará polo sendeiro do Anllóns, nuclear do proxecto, de 53 quilómetros que transcorren pola Laracha, Carballo, Coristanco, Ponteceso e Cabana.

A transición dixital é o terceiro eixo. As accións de 'Os Fogóns do Anllóns' irán orientadas neste caso a explicar —con realidade aumentada e códigos QR— a gastronomía local, ou a deseñar aplicacións nas que consultar todo o relacionado co proxecto.

No referido ao cuarto eixo, o da competitividade, 'Os fogóns do Anllóns' buscarían o embelecemento de restaurantes, incentivando, por exemplo, que conten con louza e manteis elaborados na zona. Tamén se potenciarán as feiras e se deseñarán rutas gastronómicas que aposten polo produto de quilómetro 0. Todas estas actuacións e outras precisas para cumprir cos baremos dos catro eixos terían un custo de 2.133.000 euros, que se  financiarán en tres exercicios.

"Para a obtención de fondos", explicou Regueira, "imos competir con destinos con fortes proxectos gastronómicos; por iso 'Os fogóns do Anllóns' debe ofrecer unha gastronomía potente para ofrecer un produto turístico de calidade, relevante na oferta turística fluvial non só xa da Costa da Morte, senón de toda Galiza, e que, por suposto, teña retorno no económico e sexa sostible". Neste sentido, engadiu que "hai que potenciar produtos como o pan e as fabas de Carballo, a pataca de Coristanco, o berberecho de Baldaio, as cereixas de Paiosaco ou as angulas de Ponteceso, e as festas que se celebran arredor deles". Para o vicepresidente, "a gastronomía debe ser unha marca de calidade do Proxecto Anllóns e implicar a todos os actores do sector da restauración, porque iso terá repercusión na economía e equilibrará as zonas norte e sur da Costa da Morte".

Regueira anunciou que se buscarán tamén liñas de financiamento para integrar no proxecto o sector do produto elaborado. "Parécenos interesante, nestes tempos nos que cada vez temos menos tempo para cociñar, que os lineais dos supermercados conten con produto elaborado, como as patacas conxeladas, por exemplo, da mellor calidade. Neste sentido, sería interesante que materias primas de quilómetro 0 propias dos concellos polos que pasa o Anllóns, como a pataca de Coristanco, estean dispoñibles nese formato para un público maior, porque, ademais, suporá unha mellora considerable na calidade dese produto elaborado".

Na xuntanza en que se lle presentou o proxecto ao empresariado local participaron representantes de varios aloxamentos turísticos de Ponteceso, das empresas Surca e A Bordo de pesca e turismo náutico (Ponteceso), da Asociación de Mariscadoras do Anllóns, da Asociación Senda Nova (Carballo), da Asociación Íntegro, Granxa A Devesa (Ponteceso) e Restaurante Río Sil (Carballo).