Plan Director de xestión para o Parque Arqueolóxico Compostela Rupestre


Representantes da Deputación da Coruña e os concellos de Ames, Brión, Santiago de Compostela, Teo participaron nunha reunión telemática na que se decidiu a licitación do Plan Director de xestión do Parque Arqueolóxico Compostela Rupestre que se sacará a concurso por 95.567,01€.

Na reunión, concretáronse os termos en que se contratará a elaboración do Plan Director, que sairá a concurso cuns pregos que contemplarán un programa de actuacións nos petróglifos e na contorna próxima nos concellos de Ames, Brión, Santiago de Compostela, Teo e Val do Dubra e que incluirá un plan específico de documentación e investigación, un plan de protección, conservación preventiva e de mantemento e un plan de divulgación, comunicación e musealización. O prazo de execución será de 6 meses e proponse a creación dun equipo multidisciplinar.

Na xuntanza abordouse tamén a necesidade de destacar a sinalización e deseño de roteiros que permitan e faciliten a interpretación da arte rupestre e a súa relación co entorno natural e patrimonial no que se atopan, dixitalización 3D dos petróglifos e integración na web www.compostelarupestre.gal e a dispoñibilidade á posíbel adquisición de terreos de interese para o parque arqueolóxico.