Todo a punto para a XLIV feira Abanca Semana Verde de Galicia


A 44ª feira Abanca Semana Verde de Galicia, que se celebrará do 2 ao 5 de xuño, conta nesta edición cun gran número de novas participacións nos seus diversos espazos expositivos. Estas serán notables nos seus salóns de alimentación e turismo, os cales alcanzarán as súas maiores cifras tanto en expositores como en superficie.

Así, en Turexpo Galicia, entre outras moitas novidades da súa área expositiva, estará Xordania, que ademais será nesta ocasión País Convidado ao certame. Sumaranse o Roteiro Turístico Ausangate de Perú, axencias de viaxes de Etiopía, as localidades portuguesas de Gondomar, Maia e Vila Viçosa, a Comunidade Valenciana, Gran Canaria e A Palma, as cidades amuralladas de Ciudad Rodrigo e Almeida, a Asociación Leonesa del Camino Olvidado, a Rede de Xuderías de España, os Camiños Xacobeos do Oeste ou a Tirolina das Minas.

En canto a Salimat Abanca, estará por primeira vez Euskadi, a Cámara de Comercio de Teruel e as deputacións de Málaga, León, Granada e Huelva. A iso engadiranse numerosos produtores tanto galegos como do resto de España e Portugal que acoden por primeira vez para presentar produtos artesáns, gourmet ou ecolóxicos.

E tanto destas empresas que se estrean no certame como outras xa habituais, poderán verse oitenta novidades alimentarias na área Alinova.

Tamén no programa de actividades da feira estrearase un gran número de actividades. Cociña en vivo a cargo do televisivo cociñeiro Xoanqui Ameixeiras e do finalista de Masterchef 8 Iván Mariñas, unha exhibición de coctelería de Joel Forján, gañador do Campionato Galego de Coctelería Clásica 2022 na categoría de Xoven Bartman, diversas masterclass da Axencia Galega de Calidade Alimentaria (AGACAL) ou showcookings da Interprofesional da carne de vacún (Provacuno) e da Organización Interprofesional Cunícola (Intercún) serán só algunhas das novidades no salón alimentario.