Verín pide fondos Next Gen para rehabilitar o balneario de Caldeliñas


O Concello de Verín presentará no marco das accións de rehabilitación (incluídas no programa Pirep Local) postas en marcha polo Goberno de España dentro dos Fondos Europeos Next Generation o seu proxecto de rehabilitación do Balneario de Caldeliñas. Este proxecto supón un investimento total de 1.043.044,91euros; sendo a porcentaxe estimada subvencionable polo programa entre 80 e 90 por cento do mesmo.

Segundo explicou o alcalde de Verín, Gerardo Seoane, a rehabilitación do balneario histórico consiste na adecuación e reforma das instalacións para viabilizar a súa apertura ao público de maneira permanente. "O que queremos e conseguir, ao igual que en Fontenova, un aproveitamento real das nosas augas mineromedicinais, recurso tan extraordinario como desaproveitado nas últimas décadas"

Ademais, neste caso, o grupo de goberno quere recuperar e protexer o patrimonio cultural vinculado ao balneario de Caldeliñas. "Aspiramos á recuperación da protección legal do patrimonio arquitectónico vinculado a este balneario no referido ás ruínas da antiga Casa de Baños das súas instalacións complementarias e do seu contorno".

A rehabilitación que se expón para os dous edificios que conforman o balneario histórico consiste na mellora das súas infraestruturas coa finalidade de posibilitar a súa apertura ao público de maneira permanente como museo e sala de exposicións.

Conservarase a estrutura orixinal do edificio restaurando os seus muros e reforzándoos nos puntos onde sexa preciso. Na zona sen bañeiras colocarase un novo pavimento, mentres que na zona de baños encargarase a fábrica un azulexo igual ao existente coa finalidade de reconstruír esta zona coa súa imaxe orixinal.

A través dunha visión didáctica e coidada, e facendo uso das técnicas de interpretación patrimonial máis modernas, o museo ofrecerá materiais informativos sobre o primeiro contacto cos habitantes da comarca e a súa historia. Ademais, tamén terá espazo para realizar exposicións temporais dedicadas á concienciación e interpretación da natureza así como para numerosas actividades buscando dinamizar a actividade cultural e patrimonial e loitando por crear "esa identidade común tan necesaria na comarca".