Vilagarcía busca ser destino turístico urbano de fin de semana todo o ano



O concelleiro de Turismo, Álvaro Carou, presentou o Plan Estratéxico de Turismo do Concello de Vilagarcía de Arousa, un documento elaborado pola consultora especializada AVIVAE, co que se planifica o desenvolvemento do sector para os próximos anos. O plan deseñouse tras unha fonda análise da situación actual da oferta e a demanda do turismo no municipio e dos recursos dispoñibles, para o cal se contou coa participación dos profesionais do sector, así como da de outras administracións, e nel márcanse as diferentes accións a desenvolver, todas elas baseadas en criterios de sustentabilidade económica, social e medioambiental, e de cumprimento dos obxectivos da Axenda 2030. É, segundo Carou, “un plan moi ambicioso a executar nos próximos tres anos”.

Todas as actuacións propostas no proxecto nacen para dar resposta ás necesidades de Vilagarcía de Arousa como destino turístico e, por ende, para mellorar a calidade de vida dos residentes no destino. Así, as actuacións incluídas no Plan perseguen a potenciación do turismo mediante a posta en valor dos recursos do destino e a realización de vínculos co fin de crear unha oferta de calidade. De forma resumida, a meta deste plan é posicionar a Vilagarcía como destino urbano de fin de semana durante todo o ano e dirixido principalmente ao turismo familiar.

Algúns dos obxectivos xerais que se queren acadar co Plan son elaborar unha estratexia participativa e consensuada entre todos os axentes públicos e privados implicados no turismo de destino, posicionar o destino a través dunha análise e o posterior Plan de Acción e promover a posta en valor do turismo de calidade no destino Vilagarcía de Arousa.

Segundo explicou a xerente de AVIVAE, Vilagarcía destaca por ter moitos recursos turísticos e de gran potencial, destacando entre eles a Orixe de Todos os Camiños, o produto en torno á tradición dos Camiños de Santiago e a ruta marítimo fluvial Xacobea; así como o rico patrimonio mariñeiro, natural, cultural e gastronómico.

Ademais do seu emprazamento estratéxico, Fátima Cachaceiro apuntou como fortalezas e elementos de posicionamento do municipio, as súas excelentes infraestruturas de comunicación, coa estación de tren e a conexión directa a Madrid; e a súa condición de vila urbana, cunha ampla oferta de todo tipo de servizos durante os 365 días do ano, destacando a calidade e nivel dos eventos culturais, deportivos, musicais, lúdicos e festivos que converten á cidade nun destino atractivo para calquera momento do ano, excelente para os denominados “city breaks” ou paquetes turísticos de fin de semana.

A natureza e a dualidade montaña- mar, coa illa de Cortegada como gran expoñente por pertencer ao Parque Nacional das Illas Atlánticas; a enoloxía e a gastronomía recoñecidas e posicionadas pola elevada calidade dos viños Rías Baixas, a ameixa de Carril, o mexillón demais, son outros dos grandes atractivos do municipio perfectos para enriquecer a oferta con novos produtos e paquetes. O plan propón tamén traballar coa oferta complementaria que chega de zonas limítrofes coa finalidade de ampliar e facer aínda máis atractiva as propostas.

Entre as accións a desenvolver a través de cada unha das liñas estratéxicas establecidas atópanse por exemplo a creación dun mesa de turismo local na que interveñan todos os axentes implicados, tanto públicos como privados, realizacións de fam trips entre axencias e profesionais do sector para dar a coñecer a oferta local e que logo estas poidan vendelas axeitadamente, labores de posicionamento, promoción e comunicación, plans de sinalización ou creación de experiencias.

A partir deste documento, cuxo plan executivo se poderá consultar dentro duns días na web visitvilagarcia, o Concello en colaboración cos sector privado comezará a realizar as accións recollidas no plan e que se irán avaliando durante o transcurso da súa execución.