Arranca en Verín a xira 'Camiñantes e cantantes' do Xacobeo




Este domingo 26 de xuño, ás 21:30 horas, o musical “Camiñantes e Cantantes” inicia a súa xira na Praza García Barbón de Verín. Trátase dun espectáculo coa agrupación La Ocaband como protagonista e que contará coa incorporación de importantes artistas convidados (que neste caso serán Pepo Suevos, Manuel Manquiña, Pili Pamapín e Laura Añón).

Na presentación oficial do evento participaron o alcalde de Verín, Gerardo Seoane; a concelleira de Educación Cultura e Festexos, Emilia Somoza; o director e productor do musical e de A Nove, Carlos Alleres.

Segundo explicou Emilia Somoza, "la Ocaband consegue neste espectáculo que o público vaia camiñando, a través dos artistas galegos de todos os tempos, polas distintas rutas a Santiago de Compostela, guiados pola zona xeográfica do artista en cuestión, ou pola canción popular que se interpreta no momento: temas tan recoñecidos como fuxan os ventos ou A roda; ou artistas tan reputados como Juan Pardo ou Julio Iglesias, pasando por Cómplices, ou Siniestro Total, entre outros".

Este musical, que estará guiado por Pepo Suevos e Manuel Manquiña, está relacionado a través do seu guión, ca festa galega. "Escoitaranse todos os temas que foron e son interpretados nas verbenas de toda Galicia... pero é una verbena moi particular, xa que nunca e en ningunha verbena soaron todos os temas xuntos", destacou Carlos Alleres.

Ademais, contará tamén cun importante aporte audiovisual. As imaxes do Camiño de Santiago onde nos atopamos, que serán gravadas con drone e outras técnicas de ultima xeración, formarán parte dos visuais que aparecen nas pantallas multimedia do espectáculo.

“Camiñantes e Cantantes” é un musical totalmente en galego, apto para un público familiar e de carácter gratuíto, que terá unha duración aproximada de 120 minutos e será gravado e emitido en directo a través da canle de televisión A Nove, que emite en TDT a través de todo o Eixo Atlántico. No caso de Verín será emitido vía streaming en directo a través da web desta canle de TV así como desde a web e RRSS Oficiais do Concello de Verín.

Pola súa banda, Gerardo Seoane, quixo recordar que "para todos os veciños e veciñas da nosa vila este espectáculo ten unha importante carga emocional añadida xa que o director musical do mesmo é Xoán M. Paradela, músico verinés de gran renome e membro orixinal de senlleiras bandas de música locais como Estramonio ou Antoxo".

O musical, ademais da actuación de La Ocaband como banda musical principal, contará coa participación de convidados de primeiro nivel, tanto na presentación como na guía e parte do espectáculo. Deste xeito, Pepo Suevos e o actor monologuista e cómico, Manuel Manquiña participarán guiando o espectáculo e as recoñecidas cantantes Pili Pampín e Laura Añón estarán acompañando as voces da agrupación musical.