As Festas de Ourense 2022 arrancarán este mércores, día 22 de xuño, con 3 citas principais: o Mercado Medieval, desde as 17:00 horas no centro histórico, o concerto de Morad, gratuíto, desde as 21:00h na rúa Pardo de Cela, e as atraccións festivas para a rapazada, que se emprazarán no Parque do Barbaña
O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, anima a veciñanza a que desfrute coa celebración das festas da cidade e a que participe no programa de actividades organizadas polo Concello, desde a área de Artes e Festexos, para os próximos días: “Animamos a todos os ourensáns a participar nas Festas de Ourense, unhas festas concentradas, que arrancan coincidindo co remate do curso escolar e co inicio do verán”, manifestou esta mañá o rexedor.
Gonzalo Jácome convida a todos os ourensáns a que consulten o programa para coñecer as diferentes propostas de actividades que se irán desenvolvendo nos próximos días, coas citas destacadas para mañá no mercado medieval, o concerto gratuíto de Morad, e as barracas no Parque do Barbaña: “Realmente unhas festas marabillosas, onde só temos unha ameaza grave, pero que creo que imos gañar: se a chuvia as pasa un pouco por auga, pero esperemos que sexa moi pouquiño”, resume Gonzalo Jácome, quen convida a toda a cidadanía “a desfrutar das festas con alegría e sentidiño, e a participar nas actividades”