As melloras deixan a praia do Lérez "de bandeira"


A Concellería de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural, que dirixe o socialista Iván Puentes, está a realizar nestas últimas semanas de xuño unha serie de traballos destinados a poñer ‘de bandeira’ de cara ao verán a praia fluvial do Lérez. O Servizo Municipal de Medio Ambiente destinou 3.726,80 euros a instalar o balizamento perimetral de boias amarelas de 175 metros que xa sinala desde hai uns días a área permitida para o baño, mentres que a empresa EC Casas aproveitou a xornada de tempo nubrado de hoxe para executar obras de achega e nivelación de 42 metros cúbicos de area, estendéndoa especialmente por aquelas zonas nas que xa comezaba a asomar a malla de protección do areal e o tubo de desaugue situado na esquina do peirao (unha intervención contratada cun orzamento de 7.540,12 euros).

Ademais, a praia fluvial estreará este venres 1 de xullo o seu servizo de socorrismo, para o que o Concello contratou á empresa Salvar, Formar y Socorrer SL e destinou unha partida de 18.053,20 euros. Segundo explica Iván Puentes, “os socorristas vixiarán o noso único areal urbano ata o 31 de agosto, tódolos días en horario de 13:00 a 20:30 horas: dous de luns a venres de 16:30 a 20:30 horas, e un o resto do tempo”.

“Ese mesmo día, o venres 1 de xullo, tamén quedarán colocados na caseta dos socorristas e os baños os vinilos e a nova cartelería de Verde Urbano, na que se establece información sobre as zonas de baño permitido, con precaución e prohibido (alertando do perigo das correntes de baixada e subida de marea); lémbrase que estamos nunha praia libre de fume, e exhórtase á cidadanía a conservar un ambiente agradable, a falar e escoitar música e radio cun volume baixo e empregar as papeleiras para deixar os refugallos. Na cartelería tamén aparecen o teléfono de emerxencias 112 e os contactos do servizo de mantemento: 986 804 300 e verdeurbano@pontevedra.eu“, subliña o concelleiro do PSOE.