Eva Iglesias pregoará a Festa da Langosta e da Cociña Mariñeira


O vindeiro venres 1 de xullo, ás 20:00 horas, dará comezo no concello pontevedrés de A Guarda a XXX Festa da Langosta e da Cociña Mariñeira, tras dous anos de parón pola pandemia. A lectura do pregón a cargo da televisiva Eva Iglesias, a intervención do alcalde da localidade e a entrega da Lagosta de Ouro 2022, un galardón que se quere revalorizar, marcarán o inicio dunha das celebracións gastronómicas galegas máis populares na que se poderán gozar produtos como a langosta, por suposto, pero tamén percebes, lagostinos, camaróns ou chocos, entre outros manxares..

Esa mesma noite, procederase á apertura da carpa e o grupo “Do Lusco ó Fusco” encargarase de amenizar as rúas, previamente engalanadas con motivos mariñeiros grazas á iniciativa da Asociación Piueiro que secundaron os guardeses e as guardesas, apoiados polo propio Concello. Esa colaboración directa de todo o pobo pretende ser un dos piares dunha celebración que parte do gastronómico para chegar a todos os ámbitos.

A xornada inaugural concluirá cunha das actuacións enmarcadas no Festival “Mar de Blues”, que conta con invitados de talla internacional: “Will Jacobs & Marcos Coll Band”, unha formación liderada polo guitarrista de Chicago Will Jacobs; Javier Turnes, de Bakin Blues Band, e Remi Bankyln, unha nova promesa do blues tradicional. Un programa de luxo que xa se converteu nun dos grandes atractivos do evento gastronómico.

O sábado, día 2, as actividades festivas darán comezo ás 11 da mañá e sucederanse ao longo do día con gastronomía, a inauguración da Exposición Etnográfica Mariñeira da Asociación Piueiro, viaxes no volanteiro, unha feira de artesanía na rúa do Porto e varios pasacalles. A Lagosta castrexa, a mascota deseñada con motivo do trinta aniversario da festa, ocupará boa parte das actividades destinadas aos máis pequenos. Mentres que os máis maiores gozarán, sen dúbida, coa actuacións en directo do programa “Mar de Blues”.

O domingo, os visitantes poderán participar no roteiro das cetarias e do Museo do Mar, reservando previamente as súas prazas no correo festadalangosta@gmail.com ou no punto de información situado na carpa instalada no porto da Guarda. Os pasacalles a cargo de grupos locais animarán o vermú mariñeiro, que se poderá degustar nun gran número de establecementos hostaleiros da Guarda. A música neste terceiro día de festa poñeraa Erea Castro, cunha actuación na Praza de San Benito, mentres que o grupo “A Boalleira” encargarase de amenizar musicalmente a despedida entre o porto e a carpa.