O Festival de la Luz promocionará os produtos ecolóxicos


Un ano máis, a Deputación da Coruña promocionará os produtos artesanais, gastronómicos e ecolóxicos da provincia no Festival de La Luz, que se celebrará en Boimorto os vindeiros días 27 e 28 de agosto de 2022.

A área de Promoción Económica da Deputación abre desde este xoves e ata o vindeiro día 15 de xullo o prazo de solicitudes para aquelas empresas da provincia dedicadas á elaboración de produtos artesanais, ecolóxicos, creativos, innovadores...que queiran participar nas exposicións, presentacións ou degustacións de produtos que acolle o Mercado da Luz, unha das zonas máis atractivas do recinto onde se celebra este evento musical. A Deputación reservará tamén un stand propio para promocionar a provincia como destino turístico entre as miles de persoas que asisten ao festival.

O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, lembrou "o éxito" na pasada edición do festival, que contou coa participación de 42 produtores e artesáns locais no Mercado da Luz e destacou que "ademáis de terse consolidado como un evento cultural e solidario de referencia, o Festival de La Luz é un excelente escaparate para mostrar o enorme potencial do rural coruñés no ámbito da artesanía, a sustentabilidade a creatividade e a innovación".

Na edición deste ano primarase a presenza de programas eduativos que fomenten a conservación do medioambiente e a sustentabilidade, e os produtos artesáns que se presenten baixo a supervisión de entidades sen ánimo de lucro ou que conten con selos oficiais que acrediten e recoñezan os seus produtos artesanais, de proximidade ou elaborados con materias primas autóctonas e naturais.

As bases desta inciativa publícanse este mércxores no Boletín Oficial da Provincia. Os interesados poden dirixir as súas solicitudes a festivaldaluz@dacoruna.gal, xunto cos seus datos e descrición da súa actividade.