Ourense avanza cara a creación do Consello Municipal de Turismo


A concelleira de Turismo, Flora Moure, reuniu no Liceo de Ourense unha ampla representación do sector co fin de traballar conxuntamente de cara á próxima constitución do Consello Municipal de Turismo, cumprindo así un acordo plenario de todos os grupos.

“Ademais das potencialidades propias de Ourense como son o Termalismo, o Patrimonio, a Hostaleira e o Comercio, existen dous elementos clave que conflúen neste ano dun xeito primordial: a chegada do AVE e o Xacobeo. Ambas circunstancias supoñen un acicate extraordinario de cara a posicionar a nosa cidade como destino turístico a nivel nacional e internacional, e así o vimos constatando nos datos da Oficina Municipal de Turismo, con cifras moi positivas que superan incluso os rexistros anteriores á pandemia”, explicou Flora Moure

"Por todo isto_engadiu_ cremos necesario aunar esforzos, escoitar inquedanzas, atender suxestións e sentar liñas de traballo conxuntas que redunden na optimización dun sector que desde o Goberno Municipal consideramos estratéxico e primordial. De aí que o mellor foro para levar a cabo este traballo en rede será o futuro Consello Municipal de Turismo.

Na reunión estiveron presentes, ademais de profesionais do sector turístico e hoteleiro, de axencias de viaxes e guías turísticas, representantes políticos de todos os grupos municipais, do Inorde, da Xunta de Galicia, da Universidade de Vigo (Campus de Ourense) e da UNED, da CEO, do Bispado, de Expourense, do Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeiro, da Praza de Abastos, de Urbanos de Ourense, da Asociación de Taxistas, Federación Limiar, Agrupación Miño, AAVV non federadas, Liceo, Ateneo, Asociación Hostaleiros (UHO), Federación Provincial de Empresarios de Hostalería de Ourense, Cociña Ourense, S.O.S Hostaleira, Federación de Comercio de Ourense, Centro Comercial Ponte Vella e Centro Comercial Aberto Ourense Centro.