Pontevedra busca ser líder nos destinos turísticos intelixentes


A Deputación de Pontevedra tense convertido de novo na punta de lanza da innovación turística no Estado co convenio que asinaron a presidenta Carmela Silva e o presidente de Segittur, Enrique Martínez, para o desenvolvemento conxunto de actuacións para a promoción e impulso dos Destinos Turísticos Intelixentes na provincia.

Así, a Deputación sitúase xa como a primeira do Estado en liderar a expansión do modelo DTI impulsado pola Secretaría do Estado de Turismo a través de Segittur. O convenio, dixo Carmela Silva "convértenos no instrumento para que o coñecemento, ideas e proxectos que nacen da Rede DTI se espalle ao mundo local, aos concellos, e construír así o turismo do século XXI".

Para a presidenta provincial "hoxe é un día moi importante porque a colaboración, saber traballar xuntas e xuntos e crear redes é o presente da boa acción política". Carmela Silva amosou o seu orgullo de ver que a Deputación tense convertido, con este convenio, "en promotora do territorio, no instrumento para levar o turismo intelixente a todos os destinos da provincia". Neste eido, aproveitou para poñer en valor "a extraordinaria idea" da creación da Rede DTI por parte do Ministerio de Turismo comandado por Segittur. "Pódese comprobar que o mundo local se sumou de forma moi maioritaria á rede xa que vimos que era o instrumento necesario e fundamental para modernizar un sector tan importante para o noso país, que xera tanta actividade económica, crecemento e emprego e que, ademais, vertebra todo o territorio". Tamén remarcou o papel da Deputación de Pontevedra "que entendeu que estar na Rede DTI era un eixo prioritario xa que nos permite adquirir coñecemento, boas prácticas, a carón da transformación dixital e da sostibilidade do turismo".

Pola súa banda o presidente de Segittur, Enrique Martínez, asegurou que "sabemos que hai moitos concellos que non teñen recursos nin medios técnicos, económicos e humanos para poder implantar a metodoloxía DTI" e explicou que "con este novo modelo queremos que as deputacións e cabidos sexan quen impulsen a metodoloxía entre os seus territorios". Neste eido informou que a Deputación de Pontevedra e o Cabido de Lanzarote téñense convertido nos primeiros organismos do Estado en asinar "este novo modelo para impulsar a metodoloxía DTI dende as institucións provinciais". Tamén aproveitou a ocasión para explicar a "excelente acollida" do modelo DTI entre organismos do Estado e tamén a nivel internacional. "A proba do éxito -detallou- é que están xa aplicar a metodoloxía en Bogotá, Medellín, Tequila, Asunción e tamén en países como Brasil ou Arxentina".

Co convenio asinado entre a Deputación de Pontevedra e Segittur vaise definir o procedemento para que a institución supervise a metodoloxía DTI e a implante e adapte a toda a provincia. Tamén se vai apostar pola formación, con programas de asistencia técnica, formación e xornadas para difundir o modelo e participando en obradoiros, seminarios, congresos e foros sobre DTI. Ademais, vanse sumar sinerxías interinstitucionais con ferramentas e servizos de xestión intelixente, establecendo áreas comúns e/ou espazos compartidos para intercambiar información e a coordinación e intercambio de proxectos.

A Deputación de Pontevedra é unha das institucións fundadoras da Rede Estatal de Destinos Turísticos Intelixentes. Forma parte da súa Comisión Executiva na que é, ademais, a única Deputación de toda España e a única administración galega no máximo órgano de dirección da Rede. Neste espazo de encontro, estase a traballar cunha metodoloxía propia que aposta pola innovación aplicada ao turismo, construíndo infraestruturas tecnolóxicas de vangarda e garantindo a sostibilidade, a accesibilidade e a calidade de vida das persoas visitantes e residentes nos territorios.