Un total de 15 guías turísticas, entre as que se atopaban representantes de preto de 10 empresas especializadas da contorna, así como varios autónomos e autónomas, participaron na primeira edición das Xornadas Os Recursos Turísticos de Tambo, unha iniciativa impulsada pola Concellería de Turismo, en colaboración coa Irmandade Illa de Tambo, co obxectivo de dar a coñecer entre as persoas que traballan neste sector todos os recursos e atractivos cos que conta a illa situada en pleno corazón da ría de Pontevedra.
A tenente de alcalde e responsable deste departamento municipal, Silvia Díaz (Avante Poio), participou nunha visita guiada realizada ‘in situ’ a este emblemático enclave. Acompañados por representantes de Illa de Tambo, os e as profesionais inscritas nesta formación tiveron a oportunidade de coñecer de primeira man emprazamentos e lugares de interese cos que conta Tambo, como son o faro de Tenlo, o antigo polvorín ou os restos do lazareto e da capela de San Miguel, entre outros. Previamente, o pasado mércores, as persoas inscritas tomaron parte nunha sesión técnica, na que se abordaron aspectos teóricos sobre a illa. Esta parte teórica desenvolveuse, tamén coa colaboración de integrantes da asociación, nunha das aulas do Centro de Formación da Reiboa, na Seca (San Xoán).
Díaz destaca a gran acollida que tiveron estas xornadas, como o demostra o feito de que se inscribisen guías turísticas de concellos de diferentes puntos das Rías Baixas, como O Grove, Soutomaior, Vigo, Pontevedra ou Gondomar. “Estes e estas profesionais, polo labor que desempeñan, son unha canle de difusión moi importante, polo que é necesario que estean perfectamente familiarizadas cos recursos e atractivos de Tambo”, apunta a responsable de Turismo, que, en vista do éxito da iniciativa, non descarta a organización de novas edicións.