A Festa da Empanada de Begonte conta con apoio da Deputación de Lugo


O Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, presentou unha nova edición da Festa da Empanada de Begonte que se celebra os días 16 e 17 de xullo no Club Fluvial da localidade lucense. No acto tamén participou o vogal da Asociación Centro Iniciativas e Turismo do Club Fluvial de Begonte, Noé Graña.

Rivera Capón destacou que esta cita “reúne, nunha contorna natural, a numerosas persoas en torno a un produto de calidade como é a empanada, que mostra a riqueza da nosa gastronomía”. Esta cita vén a dinamizar tamén a vida social de Begonte, así como a actividade económica de diferentes sectores, como pode ser o de servizos. A Deputación de Lugo renovou a colaboración con este encontro cunha achega de 3.000€ “porque pon en valor as nosas tradicións, a nosa gastronomía, porque favorece o turismo e porque crear actividade económica”, afirmou o Deputado.

Esta cita contribúe así mesmo a seguir consolidando “un modelo de turismo de calidade, sostible, con capacidade para atraer visitantes todo o ano, que coida o medio ambiente e pon en valor o patrimonio, e que crea riqueza, sobre todo no rural”, sinalou o Deputado.

O programa da Festa da Empanada de Begonte compleméntase o domingo coas Actividades Fluviais gratuítas que a institución lucense puxo en marcha este verán para todos os públicos en dez concellos da provincia.

A Deputación achega a Begonte este ano, a través do Plan Único de Cooperación cos Concellos, preto de 300.000€ para tres actuacións: o financiamento do Servizo de Axuda no Fogar (SAF), con 31.000€; o fomento do emprego, con 74.000€; e unha mellora da mobilidade co acondicionamento de camiños municipais nas parroquias de Baamonde, Badomar, Carral, Cerdeiras, Donalbai e Saavedra, cun orzamento de 190.000€.