Activadas as visitas teatralizadas en Poio con Colón como protagonista




Esta semana puxéronse en marcha as Visitas Teatralizadas ofrecidas por Leucoíña Pasea e impulsadas desde as áreas de Turismo e Pesca e Marisqueo, dirixidas pola tenente de alcalde, Silvia Díaz (Avante Poio), e o socialista Julio Casás, co obxectivo de difundir, poñer en valor e dar visibilidade ao Bosque de Colón e á Casa Museo de Portosanto, no concello ponbtevedrés de Poio.

Esta iniciativa forma parte do programa subvencionado polos fondos d Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP) que desde o Concello se está a desenvolver para dinamizar estas dependencias, ao mesmo tempo que se promociona a teoría da orixe galega de Cristóbal Colón.

As dúas sesións iniciais da programación tiveron lugar o pasado mércores e xoves pola tarde. O espazo elixido foi o Bosque de Colón, que está xestionado pola Comunidade de Montes de San Xoán e que conta con preto de 500 exemplares de secuoias, o que o converte nunha paraxe única en Europa. Silvia Díaz salienta a gran acollida destas sesións, e o interese dun espazo natural de gran atractivo. Cómpre lembrar que estas visitas guiadas están pensadas para persoas maiores de seis anos e son totalmente gratuítas, se ben requiren de anotación previa.

Nestas citas, de 90 minutos de duración, as persoas participantes tiveron ocasión de coñecer as orixes do Bosque de Colón. A plantación das secuoias realizouse en outubro de 1992, dentro dos actos de conmemoración dos 500 anos da chegada ao continente americano. Ademais, o equipo de Leucoíña Pasea desvelou diferentes curiosidades desta especie, así como os seus beneficios desde o punto de vista medioambiental. Como non podía ser doutro xeito, a figura de Cristóbal Colón foi tamén protagonista, a través dunha narración dramatizada sobre a súa chegada a América en 1492. Tamén tivo lugar un xogo de pistas no que tomaron parte as persoas inscritas.

As visitas teatralizadas volverán en agosto, os días 18, 19 e 20, e terán lugar na Casa Museo de Portosanto, ás 11.30 horas. Lémbrase que as inscricións poden realizarse enviando un correo electrónico a turismo@concellopoio.org, indicando nome, apelidos, data seleccionada e teléfono de contacto, así como a idade das persoas interesadas. Tamén é posible obter máis información chamando ao 986833204 ou ao 986833204. Este ciclo de visitas pecharase o 1 de setembro, ás 19.00 horas, cunha última convocatoria no Bosque.