Apoio da Deputación coruñesa de 0,6 M€ a 79 concellos para contratar orquestras


A Deputación da Coruña vén de publicar a resolución de concesión das axudas do programa de axudas ao sector das orquestras e verbenas (PEL-Concellos OV), do que se beneficiarán un total de 79 concellos da provincia por un importe de 623.541,75 euros.

Os concellos poderán destinar a axuda a contratar directamente ás orquestras ou ben subvencionar ás comisións de festas para que sexan estas as que as contraten. Preténdese así, contribuír á reactivación económica e o mantemento do emprego no sector das orquestras e verbenas especialmente afectado durante a pandemia, mediante o apoio aos concellos para a celebración de festas mantendo as tradicións populares, a promoción da música en directo e a ampliación da oferta cultural.

Os gastos subvencionables ao abeiro desta liña de axudas son os correspondentes ao importe do gasto previsto para a contratación directa polo concello de orquestras e os gastos previstos como subvencións a comisións organizadoras de festas populares e tradicionais que cumpran os requisitos establecidos nas bases reguladoras. Entre estes requisitos atópanse que as formacións musicais fagan música en directo, teñan máis de dous anos de antigüidade e unha composición mínima de seis membros, dos que catro deberán ser músicos e tocar algún instrumento, entre outros.

O goberno provincial presidido por Valentín González Formoso, consciente das dificultades de sectores afectados directamente polas medidas adoitadas para o control da pandemia, como é o sector das orquestras e, en concreto, a celebración de verbenas, festas populares ou eventos con actuacións musicais na provincia, decide apoiar aos concellos na reactivación deste sector e contribuír ao mantemento do emprego e xeración de recursos no mesmo.

No acto de presentación desta nova liña do PEL Formoso xa destacou a dimensión económica dunha actividade na que Galicia se sitúa á vangarda de España, xa que xera 5.000 empregos e factura preto de 30 millóns de euros, o 70% da facturación do sector en toda España. Tamén subliñou o "arraigo e a tradición que este sector ten en Galicia, cunha estrutura estable e organizada conformada por ao redor de 300 orquestras, entre as que se atopan algunhas das máis importantes do país, que xiran por todo o Estado".

A Deputación da Coruña destinou nos últimos dous anos máis de 30 millóns de euros en axudas directas aos sectores máis afectados pola pandemia e pola guerra de Ucraína, 25 millóns a través dos programas PEL Reactiva, dirixidos a comercios, peme, hostalería e axencias de viaxe, e 5 millóns de euros este mesmo ano para o programa de axudas ao transporte, agrogandeiro e pesca, sectores estratéxicos para a economía galega afectados pola alza do prezo dos combustibles. Unhas axudas ás que agora se suman estes 623.000 euros para o sector das orquestras.