Ferrol e Valdoviño coordinarán os seus medios náuticos de socorrismo para actuar ante situacións de emerxencia nas praias. Ambos alcaldes, Ángel Mato e Alberto González, asinaron no pazo municipal ferrolán un convenio de colaboración para a mobilización conxunta dos servizos de rescate por mar como resposta de auxilio ante unha urxencia en calquera das praias máis próximas aos límites municipais. “Trátase de aproveitar os recursos ao máximo”, asegurou Mato, co que González coincidiu en que con esta medida “búscase unha maior efectividade”.
O acordo inclúe a elaboración dun protocolo de comunicacións compartidas para as peticións de auxilio e a resposta cos medios que se atopen máis próximos (sen importar de qué concello dependan), mantendo en todo momento a protección dos espazos propios. Atangue exclusivamente ás embarcacións e aos seus medios materiais, así como aos seus pilotos. Nestes momentos, Ferrol dispón de dúas zódiacs e Valdoviño conta con tres pequenas embarcacións e unha moto de auga.
Ambos rexedores insistiron en que os concellos están enfrontando graves problemas para prestar o servizo de socorrismo ao non dispoñer de persoal suficiente coa cualificación que esixe a Xunta, cousa que non ocorre en outras comunidades autónomas. Por ese motivo, aseguraron, é tan importante unha iniciativa como a que Ferrol e Valdoviño están a poñer en marcha, compartindo o servizo cando sexa necesario.