Ferrol plantea unirse ao Pacto de Política Alimentaria Urbana de Milán




A concelleira de Promoción Económica, María Teresa Deus, presidiu a segunda reunión da Mesa Gastronómica Cidade de Ferrol, logo da súa constitución o pasado decembro. O obxectivo da xuntanza era tratar a adhesión de Ferrol ao Pacto de Política Alimentaria Urbana de Milán, unha rede que busca o traballo conxunto das cidades para crear sistemas alimentarios xustos e sostibles.

A través desta iniciativa, o Concello busca apoiar tanto aos produtores locais como ao pequeno comercio, promover a saúde e optimizar os recursos alimentarios para a poboación. Na xuntanza estiveron representadas unha quincena de asociacións, cooperativas, sindicatos, partidos políticos, Administracións e outras entidades.
O Pacto de Milán inclúe sete compromisos para os seus membros e ata 37 recomendacións tendentes a preparar un contexto favorable para unha acción eficaz en materia de alimentación, promover dietas sostibles, asegurar a equidade social e económica, promover a produción alimentaria, mellorar a distribución alimentaria e limitar desperdicios de alimentos.

Segundo explicou Deus tras a reunión, todos os participantes mostraron gran interese por acadar un obxectivo que forma parte do proxecto Dieta Ártabra, posto en marcha polo Concello de Ferrol o ano pasado. Tras esta primeira reunión para tratar a adhesión ao pacto, o segundo paso, avanzou a concelleira, será preparar unha declaración para a súa aprobación plenaria, ao que seguiría a creación dun consello.