Lugo organiza mercadiños á beira do Miño de produtos de km0




Mercadiños á beira do Miño para promover os produtos locais e dinamizar a contorna fluvial. É a nova iniciativa do Goberno de Lara Méndez para os últimos dous domingos de xullo, enmarcada no movemento Localmente Lucense. “Serán mercadiños multidisciplinares nos que haberá postos de comercios da cidade, obradoiros infantís, espazo para que particulares e asociacións mostren os seus produtos, así como unha zona decorada para facer pícnic, música ambiente e concursos”, explicou a rexedora.

Lara Méndez subliñou que “en cada cita haberá vinte prazas para comercios da cidade e dez para particulares, asociacións e colectivos que desexen presentar ou vender os seus produtos, así, o obxectivo é achegar artigos de km0 e de establecementos de proximidade do municipio ao público nun ambiente distendido e nun entorno natural único como é a ribeira do Miño, moi concorrida durante os meses de verán”.

Neste senso, os mercadiños celebraranse o domingo 24 e o 31 de xullo, de 11:00 a 15:00 e de 17:00 a 21:00 horas, para facilitar a participación de comerciantes e que poidan ofrecer os seus produtos fóra da tenda. O prazo de inscrición como expositores nos mercadiños estará aberto ata 3 días antes da data de inicio na páxina web www.localmentelucense.gal/mercados, onde se atopan as bases e toda a información.

Nos mercadiños haberá postos de comercios locais, obradoiros infantís, espazo para que particulares e asociacións mostren os seus produtos, zona decorada para facer pícnic (reserva de parcelas en www.localmentelucense.gal/mercados), música ambiente, photocall e concursos con premios por valor de 1000 euros cada día en vales de compras nos comercios adheridos ao movemento Localmente Lucense.