Mercado semanal de produtos ecolóxicos e de proximidade en San Agustín


O Concello da Coruña promove no Mercado Municipal de San Agustín un mercado de produtos ecolóxicos e de proximidade, que comezará este xoves 7 de xullo e continuará semanalmente ata o remate do ano. O obxectivo desta iniciativa posta en marcha polo Goberno municipal de Inés Rey é potenciar este espazo singular da cidade e apostar polas pequenas empresas e traballadores da cidade e a súa área de influencia.

A creación deste mercado ecolóxico e de proximidade forma parte do plan de dinamización dos mercados municipais levado a cabo polo Concello a través da súa concellaría de Comercio, Mercado e Barrios. A partir de mañá, persoas e colectivos gozar dese espazo.

Haberá unha ampla variedade de postos de produtos frescos, naturais e de proximidade, que convivirán co resto de traballadores e traballadoras do Mercado de San Agustín cada xoves. O horario de apertura dos postos será de 9.00 a 20.00 horas.

Entre os diferentes postos previstos atópanse espazos para produtos ecolóxicos de horta, artesanía, cosmética natural, moda sostible e viños naturais. Ademais, ao longo do ano programaranse distintas actividades, como exposicións de artistas locais, charlas divulgativas, obradoiros, clubs de lectura, catas ou degustacións de produtos de horta.