Mostrart reúne na Coruña a 70 artesáns ata o 28 de agosto

O

Goberno municipal coruñés subliñou a importancia da artesanía na economía e a súa fundamental contribución para poñer en valor o patrimonio cultural de Galicia. Así o indicou Jesús Celemín, concelleiro de Educación, Memoria Histórica, Innovación, Industria e Emprego, na inauguración de Mostrart, a feria de artesanía que se desenvolverá nos xardíns de Méndez Núñez ata o 28 de agosto, e que, na súa posta en marcha, contou coa presencia de Celemín e a concelleira de Comercio, Mercados e Barrios, Diana Sobral Cabanas.

Nesta 38 edición serán 70 as e os artesáns que participarán nas 41 casetas que compoñen a feira. Cincuenta deses participantes son obradoiros artesáns inscritos no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia e acollidos ao sistema da Marca de Artesanía de Galicia. Hai ademais outros 18 profesionais doutras comunidades autónomas, un participante de Francia e outro de Portugal.

A mostra conta coa organización da Asociación Galega de Artesáns e o apoio do Concello da Coruña, xunto co da Deputación da Coruña, a Xunta de Galicia e a Fundación Pública Artesanía de Galicia.

O concelleiro recordou que "como representantes das administracións públicas temos unha responsabilidade coa obra, co traballo de todas aquelas persoas que axudan a construír a identidade do país e sen dúbida as artesás e os artesáns son algunhas desas persoas", destacou.

Mostrart permanecerá aberta ata o 28 de agosto, en horario de 11 a 14 e de 17.30 a 22 horas. O cartel desta edición foi creado polo recoñecido ilustrador Javier Fernández Carrera, Pintu, e representa á deusa Atenea, que nunha das súas competencias ten atribuída representar á Artesanía. A montaxe inclúe pezas elaboradas por distintas artesás e artesáns de cerámica, talla de madeira, xoiaría, téxtil, marroquinaría, vidro e instrumentos musicais.