Nace Vincios Verde Cultural


Despois dos incendios forestais de 2017 a Comunidade de Montes de Vincios decidiu dar un xiro a súa xestión e crear o proxecto Vincios Verde. Nesta iniciativa englóbanse accións culturais, educativas, deportivas, turísticas, económicas e produtivas. Este sábado, 30 de xullo, arranca Vincios Verde Cultural; unha serie de actividades culturais que terán lugar os sábados na Casa Reitoral e que serán totalmente gratuítas.

As actividades terán lugar na Casa Reitoral, adquirida no 2014 pola Comunidade de Montes de Vincios, e que acaba de ser rehabilitada para o uso da veciñanza; está ubicada moi perto da igrexa de Santa Mariña de Vincios e estas actividades servirán para dala a coñecer entre osveciños.

Cada sábado arrancará cun contacontos para os miúdos da casa que será seguido dunha charla de corte medioambiental. A xornada finalizará con música en directo ou cunha sesión de cine mudo musicado en directo por Caspervek. Trátase de, a través de actividades lúdicas, concienciar sobre a necesidade de coidar do medioabiente.

Programa sábado 30 de xullo: 17:15 – Contacontos con Servando Barreiro ‘A música das árbores; 18:30 – Coloquio ‘Arte rupestre na serra do Galiñeiro’ con Xosé Lois Vilar; 20:45 – Cine ao aire libre con Caspervek ‘Nanuk o esquimó’