Coincidindo coa época de verán, cando a poboación se multiplica en Xinzo de Limia, o Museo Galego do Entroido abrirá todas as fins de semana para amosar aos visitantes o seu potencial cultural. Os interesados poderán achegarse a este centro cultural os venres en horario de tarde, de 17.00 a 20.00 horas, e os sábados e domingos xa dende a mañá, de 10.00 a 13.00 horas e de 17.00 a 20.00 horas. Hai tempo que o número de visitas rexistradas é inferior ao desexado e despois de permanecer pechado durante os últimos meses, esta apertura realizase á espera de que se resolvan os trámites que iniciou o Concello para incluír o Museo no Sistema Galego.
O Concello de Xinzo de Limia tomou a determinación de intentar impulsalo e dinamizalo por ser un referente cultural e para convertelo tamén nun polo de atracción turística. Representantes do goberno local e da Dirección Xeral de Patrimonio mantiveron reunións nas que a alcaldesa, Elvira Lama, e o concelleiro de Cultura, Ramiro Rodríguez, mostraron a intención do executivo de dinamizar as instalacións coa inclusión do centro cultural no Sistema Galego de Museos. Tal e como explicaron desde Patrimonio, para que a petición se materialice é necesario contar cun proxecto museístico, que deberá realizar a empresa á que se externalice a xestión das instalacións.
Cómpre recordar que a Deputación de Ourense é a entidade responsable do espazo dende a súa cesión por parte do Concello de Xinzo ao ente provincial no anterior mandato. Aquela decisión non está dando o resultados que se esperaban, así que despois dun tempo de proba que se torna razoable para certificar que o museo non está a funcionar como se agardaba, o executivo local trata de buscar novas medidas para impulsalo.
Cómpre destacar que o Servizo de Museos é a unidade administrativa que coordina as actuacións en materia de museos en Galicia e ten responsabilidade sobre o control do patrimonio moble custodiado nos mesmos e sobre as coleccións visitables galegas, tanto nos de titularidade autonómica e estatal xestionados pola Secretaría Xeral de Cultura, como daqueles que constitúen o Sistema Galego de Museos. Dende o Servizo articúlase o asesoramento entre técnicos das diferentes institucións museísticas na procura dunha unidade de acción no que se refira aos procedementos e tratamento técnico dos fondos.