O alcalde de Ferrol, Ángel Mato, visitou o centro de día de Caranza, unha das entidades que está a colaborar no proxecto ‘Contamos contigo?’ posto en marcha polo Concello de Ferrol para sumar o apoio da cidadanía na promoción da candidatura de Ferrol a Patrimonio Mundial.
O rexedor, acompañado pola concelleira de Benestar Social E Patrimonio Histórico, Eva Martínez Montero, e responsables do centro conversou cos usuarios, na actualidade 34, e agradeceulles a súa “implicación e sensibilidade” co proxecto, co que ata o momento colaboraron cun preto de 300 barcos de papel biodegradable. O obxectivo da iniciativa é alcanzar entre toda a cidadanía as 30.000 unidades, que serán botadas ao mar tras o verán desde un dos lugares da cidade incluídos nos bens do expediente da candidatura. No día de hoxe a concelleira Martínez Montero entregoulles outros 200 papeis biodegradables.
Mato percorreu as diferentes salas de estar, o comedor e a cociña do centro de día e interesouse polas actividades que alí desenvolven os maiores, como exercicios de estimulación cognitiva, actividade física, xogos, lectura da prensa ou estimulación psicolóxica, entre outras. Animoulles a seguir participando nas iniciativas programadas e agradeceu ao persoal o “cariño e profesionalidade que poñen a diario no coidado e atención dos nosos maiores”. O Concello de Ferrol aporta ao semestre 1.250 euros por cada praza ocupada por un veciño de Ferrol, é dicir, 2.500 euros ao ano e praza, ao igual que no centro de día de Telleiras. O pasado ano o Concello contribuíu con arredor de 60.000 euros.