Produto Galicia Destino Sostible integra ás 13 primeiras empresas


Un total de 13 empresas do sector turístico galego están integradas oficialmente no Club de Produto Galicia Destino Sostible. O comité de avaliación do Club acaba de dar o visto e prace á incorporación de máis de media ducia de entidades, entre aloxamentos, axencias e provedores de oferta turística complementaria que, en breve, publicarán as súas ofertas na web www.galiciadestinosostible.com.

O Clúster Turismo de Galicia presentou o pasado 11 de xullo esta iniciativa para impulsar o turismo sostible en Galicia e converter ao destino nun referente neste ámbito a nivel nacional e internacional. Galicia Destino Sostible conta co apoio e financiamento da Xunta, a través dun convenio asinado entre a Axencia Turismo de Galicia e o Clúster.

As empresas que xa forman parte de Galicia Destino Sostible son: Rodeiramar Apartamentos, Siente Galicia, Albarari, Hotel Bela Fisterra, Casa de Cacheiro, Club Náutico de Portonovo, Hotel Bosque Mar, SIMPLY GALICIA, LORYGAR SL (A Quinta da Auga), Viajes Tambre, S.L., Ribeira Sacra Leisure & Lodging. Casa das Xacias, Alecrin Actividades y aventura, e Atlantis Adventure Turismo Activo S.L. Ademais, outras 14 empresas mostraron o seu interese en formar parte do Club de Produto Turístico que ten como obxectivo actuar como un hub que integre toda a oferta turística sostible de Galicia.

Ao novo club de produto pode adherirse calquera empresa galega pertencente aos subsectores categorizados como aloxamentos, restaurantes, axencias de viaxe e provedores de oferta turística complementaria que cumpran cos requisitos esixidos. As empresas que xa teñan algunha certificación oficial de sustentabilidade (S do ICTE, Biosphere, Green Key, Eu Ecolabel, Green Globe21, Travellife, Rainforest Alliance Certified, Estrella Verde da Guía MICHELIN, etc.) ou unha certificación ambiental (ISO 14000, EMAS, etc.) poderán adherirse directamente ao club, pois estes son considerados requisitos habilitantes. As empresas que non teñan algunha destas certificacións poderán igualmente adherirse ao club a condición de que cumpran co 100% dos requisitos obrigatorios e, polo menos, o 33% dos considerados valorables.