Saborea Lugo fará as delicias do padal en nove concellos da provincia


O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, anunciou a posta en marcha da segunda edición do programa provincial Saborea a túa provincia, que percorrerá nove concellos da provincia durante as fins de semana ata o 2 de setembro. Pantón acollerá este sábado, 30 de xullo, a primeira parada destas xornadas gastronómicas e de lecer que promove a institución, unha cita gratuíta que tamén pasará polos concellos de Chantada, este domingo 31 de xullo, e Taboada, Trabada, O Valadouro, Vilalba, A Fonsagrada e Navia de Suarna ao longo do mes de agosto. Será o concello de Pol o que peche o programa o venres 2 de setembro.

Os xardíns do Pazo de San Marcos acolleron esta presentación, na que tamén estiveron presentes os alcaldes e alcaldesas dalgúns dos concellos participantes. José Tomé lembrou que co Saborea a túa provincia, a Deputación busca "incentivar o consumo dos produtos de proximidade e dinamizar a economía dos concellos fomentando a actividade do turismo, da hostalería, do comercio e dos pequenos produtores”.

Segundo explicou o presidente este programa “forma parte da ampla estratexia que estamos desenvolvendo dende a Deputación de Lugo para consolidar un modelo de turismo de calidade e sostible, un turismo de experiencias, con capacidade para atraer visitantes todo o ano, que pon en valor o noso patrimonio, tanto natural, como, monumental, cultural ou gastronómico, e que contribúe a crear riqueza e a crear emprego, sobre todo no noso rural.”

“O éxito da primeira temporada do Saborea a túa Provincia levounos a reeditalo este ano, pero con novidades para tratar de melloralo e, desta forma, aumentar o retorno económico para os negocios da zona. Para isto introducimos melloras na estrutura e no funcionamento das xornadas e tamén melloramos as localizacións, xa que este ano celebrarase en lugares que contan cunha importante actividade social, hostaleira e comercial”, sinalou Tomé Roca.

Outra das novidades é o cambio no formato, condensando as actividades nas franxas horarias nas que hai máis movemento social e económico teñen as vilas, en horario de mañá, de 12.30 a 15:00 horas, ou de tarde, entre as 19.30 e as 22.00h, dependendo do concello. Tomé Roca explicou que “con esta serie de melloras, e tendo en conta ademais que este ano, afortunadamente, non hai restricións sanitarias nin de aforo, conseguimos un programa máis atractivo, máis dinámico e con máis repercusión nos negocios da zona“.

Cada unha das xornadas do Saborea a túa provincia terá catro espazos diferenciados: Dun lado, un autobús-cociña onde profesionais da asociación provincial de cociñeiros e cociñeiras de Lugo elaborarán receitas con produtos típicos de cada zona. Utilizarán alimentos con distinción da súa calidade polo selo Denominación de Orixe ou Indicación Xeográfica Protexida, como a Faba de Lourenzá, a Pataca Galega, o Pemento de Mougán, o Lacón, a Tarta de Santiago, o Mel de Galicia ou o queixo San Simón da Costa; e tamén empregarán nas súas elaboracións razas autóctonas como o Porco Celta, a Galiña de Mos ou o Vacún Galego. Estas demostracións culinarias poderán seguirse nunha pantalla xigante e poderán participar un máximo de 50 persoas.

Doutra banda, tamén haberá degustación de pratos elaborados con produtos de proximidade. Nesta actividade poderán participar ata 100 persoas. Asimesmo, haberá un taller de cociña para nenos e nenas nas que elaborarán un prato con produtos da provincia. E, por último, outro espazo estará dedicado a concertos. Ademais, ao longo da xornada levaranse a cabo sorteos de produtos gastronómicos da provincia.

O programa Saborea a túa provincia terá lugar en horario de mañá -de 12.30 a 15.00 horas- ou de tarde -entre as 19.30 e as 22.00 horas- e os cociñeiros e cociñeiras utilizarán para as súas elaboracións os produtos de proximidade máis característicos de cada concello.

Pantón. No Campo da Feira. Terá lugar o sábado 30 de xullo en horario de tarde e poderase degustar unha tapa de Roast Beef de vaca galega con tomate seco, castañas e queixo da Ribeira Sacra, que elaborará Martín Mantilla, de Berso.

Chantada. Na Praza de Santa Ana. Celebrarase o domingo 31 de xullo, en horario de tarde. Poderanse degustar unhas Gyozas de cordeiro e queixo azul de Airas Moniz realizadas polo cociñeiro Bruno Pena.

Taboada. Na Praza de Riazón. Terá lugar o sábado 13 de agosto en horario de tarde. Poderase degustar Steak tartar de vaca cachena da gandería Cas Fidalgo con crocantes elaborada por Antonio Lorenzo, do restaurante A Faragulla.

Trabada. Na Praza do Concello. Celebrarase o domingo 14 de agosto en horario de mañá e poderase degustar Albóndega de merluza de Burela con faba IXP de Lourenzá en salsa de mel IXP Conde Santo, obra de Jesús Villarino, do Asador de Alba.

O Valadouro. Na Praza de Santa María. Terá lugar o sábado 20 de agosto en horario de mañá. Poderase degustar unha tapa de Faba, tenreira e mel elaborada por Nardo Eiroa, do Canedo Brasería.

Vilalba. Na Praza da Constitución. A cita terá lugar o domingo 21 de agosto en horario de mañá e poderase degustar un Dumpling de galo de Mos con espuma de queixo San Simón feito por Alejandro Ares, de Noa Boutique Hotel.

A Fonsagrada. Na Praza do Concello. Celebrarase o sábado 27 de agosto en horario de mañá. A receita, que elaborará o cociñeiro Bruno Pena será un Bocata de orella de porco en texturas con pan brioche.

Navia de Suarna. Praza da Pobra. Terá lugar o domingo 28 de agosto en horario de mañá. O cociñeiro Pablo Vila, de Oca Hoteles, realizará un Brownie de castañas, dulce de pera e cumio de noces

Pol. Na Praza de Galicia. O venres 2 de setembro. A última cita desta edición do Saborea a túa provincia terá lugar en horario de mañá e poderase degustar un Solomillo Hoisin elaborado por Mar Orosa, do restaurante El Oviedo.