Unha trintena de actividades para os tardeos e noiteos de agosto en Lugo


Máis dunha trintena de actuacións musicais, obradoiros e actividades para todas as idades compoñen a programación de tardeos e noiteos do Goberno de Lara Méndez para o mes de agosto. Esta programación enmárcase no movemento Localmente Lucense que o executivo municipal puxo en marcha, a través da área de Desenvolvemento Local e Emprego, para dinamizar as rúas e os barrios da cidade e impulsar as compras e o consumo no comercio e a hostalería local.

A rexedora lembrou, así mesmo, que paralelamente segue en marcha a campaña especial de rebaixas de verán “coa que dende o Concello queremos premiar a todas e todos os cidadáns que merquen nos establecementos de proximidade da cidade”. Deste xeito, aquelas persoas que preseten un tícket de compra superior a 10 euros, nalgún dos establecementos adheridos a Localmente Lucense, ata o 31 de agosto, participarán no sorteo de máis de 5.000 premios, entre os que se atopan bonos para voos cautivos en globo aerostático ou vales para gastar nos comercios de Lugo, entre outros agasallos.

Os tardeos de agosto terán lugar en horario de 17:00 a 20:00 horas, mentres que os noiteos celebraranse de 21:00 a 23:00 horas. Toda a información sobre as diferentes actividades pode atoparse na páxina web https://localmentelucense.gal/tardeosnoiteos/