O Concello de Vigo facilita pulseiras identificativas nas praias para nenas e nenos. O alcalde, Abel Caballero, recomenda ás familias o uso deste dispositivo que resulta de gran utilidade no caso de extravío de menores. Están dispoñibles en Samil e nas praias viguesas con servizo de socorrismo e salvamento.
Caballero explicou o servizo municipal este mércores na praia de Samil onde unha nena puido probar en primeira persoa como funciona a pulseira. “Repartimos miles e miles” de pulseiras identificativas para axudar ante o extravío de nenas e nenos na praia. “Un servizo de moita utilidade, cunha pulseira con peche de seguridade” na que se escribe o nome do neno e o teléfono da persoa de contacto no caso de que se perda.
Sobre a perda dos menores, o alcalde apuntou que “son máis frecuentes do que cremos. Non é estraño que os pais entren en estado de shock” cando se produce esta situación, o que dificulta a achega de datos á policía para localizalos, polo que afirma que “as pulseiras son moi útiles e para os nenos é un xogo”.
Poden solicitarse en Samil, no centro municipal de coordinación de emerxencias e na Policía Local así como nos postos de socorrismo e salvamento das praias de Rodas, Fortiñón, Canido, Vao, Fontaíña, Argazada, Tombo do Gato, Santa Baia, Carril e A Punta.
O alcalde quixo recomendar a tódalas familias o uso das pulseiras identificativas, tendo en conta os datos de extravío de menores rexistrados nas últimas 5 temporadas nas praias de Vigo: 88 en 2018, 72 en 2019, 30 en 2020, 34 en 2021 e no primeiro mes de 2022 (desde o 15 de xuño ata o 18 de xullo) houbo 21 casos.