Ternera Gallega Suprema protagonizou a degustación que a IXP ofreceu esta fin de semana no Festival da Luz (Boimorto), dentro do programa de Experiencias de Calidade da Consellería do Medio Rural. Da man do coiñeiro José Manuel Mallón, os asistentes puideron coñecer os mellores consellos para o tratamento, corte e cociñado de diferentes pezas. A IXP tamén explicou a o labor dos gandeiros inscritos e o sistema de control e trazabilidade que garante a orixe e a calidade da carne certificada.
Nun percorrido culinario desdepratos máis rápidos e sinxelos ata outros máis traballados, serviuse un tataky elaborado coa croca, o seu rabiño presentouse á prancha e un xarrete guisado foi o recheo perfecto para un bocadillo, na liña dunha cociña de aproveitamento. Para conservar a moleza, os xugos e o sabor que caracterizan á carne de Ternera Gallega, o chef lembrou a importancia da maduración, o temperado antes de comezar a preparala e o corte no sentido contrario ás fibras musculares.
Co obxectivo de que os consumidores recoñezan o produto certificado, a IXP fixo fincapé nas etiquetas e logotipos que sempre acompañan á carne de Ternera Gallega. Tamén explicou o tipo de ganderías e animais inscritos, as súas razas e alimentación e o seu manexo tradicional, xunto co programa de control que realiza o Consello Regulador no campo, nas industrias e nos puntos de venda.
A carne certificada maridou con viños da DO Ribeira Sacra e acompañouse con Pan de Cea. Outros produtos galegos con selo IXP e DOP completaron dúas xornadas con diferentes actividades, talleres e degustacións coa finalidade de promover estes selos de calidade entre o público do Festival, destacando a súa relevancia para manter vivo o medio rural.