A Coruña suma unha nova vía verde entre Cerceda e Oroso


A Deputación da Coruña inaugurará o domingo, 4 de setembro, cunha andaina e marcha cicloturista popular, o tramo que vai de Cerceda a Oroso da Vía Verde de Compostela-Tambre-Lengüelle, que discorre sobre o antigo trazado do ferrocarril entre Santiago e Cerceda, en desuso coa posta en funcionamento do Eixo Atlántico de Alta Velocidade.

Tras rematar as obras de acondicionamento deste tramo da Vía Verde, que suman un investimento de 2 millóns de euros, agora o obxectivo é dar a coñecer esta nova infraestrutura que percorre os concellos de Cerceda, Tordoia, Ordes e Oroso e conectará con Santiago de Compostela.

A andaina sairá da estación de Queixas-Londoño, en Cerceda, e finalizará na estación de Sigüeiro, en Oroso, cun percorrido total de 21 quilómetros e pasando pola estación A Pontraga de Ordes e a Estación de Trasmonte en Oroso.

A actividade, que é totalmente gratuíta, require dunha inscrición previa que debe formalizarse entregando o formulario, de xeito presencial ou vía telemática, nalgún dos concellos polos que pasa a Vía: Cerceda, Tordoia, Ordes, Oroso ou Santiago de Compostela. O prazo para facelo remata o 1 de setembro.

As persoas participantes contarán con avituallamentos durante todo o traxecto e habilitarase un servizo de bus desde os diferentes municipios da Vía, tanto para recoller as persoas que non finalicen a andaina como para levalas ao punto de saída e recollelas na chegada para levalas ao seu lugar de orixe.

A Deputación anima a participar nesta actividade a todos os veciños e veciñas dos concellos que forman a Vía Verde e tamén doutros xa que este é un proxecto que permite recuperar as vías de ferrocarril en desuso para darlle unha segunda vida, promovendo un novo modelo de mobilidade sostible entre as localidades polas que discorre.