A oficina de turismo de Cambados afianza a transformación dixital


A oficina de turismo de Cambados sumarase á revolución tecnolóxica ao instalar nas súas dependencias elementos dixitais que mudarán o modo de entender a atención ás persoas visitantes. Así o fixeron saber a deputada de Turismo, Ana Laura Iglesias, e o alcalde e Cambados, Samuel Lago, quen nunha visita este mércores á oficina anunciaron os cambios a implementar gracias ao proxecto provincial Tourist Inside, que conta con financiamento europeo xestionado polo Goberno do Estado. O Tourist Inside está a propagar esta transformación dixital pola rede Info Rías Baixas, á que está adherida a oficina cambadense.

As accións previstas son a instalación dunha pantalla dixital de 55 polgadas que ofrecerá información do destino Pontevedra Provincia ás persoas visitantes e no seu interior tamén albergará unha tableta na que se poderán realizar enquisas de satisfacción. A transformación da oficina de Cambados completarase coa incorporación de dous tótems interactivos -un situado no interior e outro no exterior da instalación- que ao igual que a pantalla dixital ofrecerán información de interese. As actuacións do Tourist Inside espallaranse igualmente polo municipio, no que se colocarán 10 “beacons”, é dicir, balizas electrónicas que transmitirán información de interese aos móbiles das e dos visitantes a través da tecnoloxía bluetooth.

Dende este ano a oficina de Cambados conta coa “Q” de Calidade turística. Este distintivo do Instituto para a Calidade Turística Española (ICTE) convértea en referente na atención aos visitantes, dado o grao de cumprimento dos estándares e procedementos certificados.

Un total de 2.412 persoas achegáronse á oficina de Cambados a solicitar información. Delas a maioría eran de nacionalidade española (89,51%) e chegadas en gran medida de Madrid (22,67%), Araba ou Asturias. Entre o turismo estranxeiro (o 10,49% restante) destacou a presenza de persoas procedentes dos Países Baixos, Francia e Reino Unido.